Pontón ve a Galicia "hipotecada" por anos de "sumisión" de Feijóo a Rajoy

A portavoz do BNG considera que "hai temas importantes para Galicia que dependen do Goberno" y que no están contemplados en los presupuestos

Ana Pontón. PEPE FERRÍN
photo_camera Ana Pontón. PEPE FERRÍN

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou este domingo que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, conduciu a Galicia á "irrelevancia política" porque non puido pór en marcha "unha axenda galega" mentres gobernou o PP no conxunto de España, polo que ve á comunidade "hipotecada" polos "anos de submisión" do líder do PP galego aos gobernos de Mariano Rajoy. 

Ana Pontón acudiu este domingo á Festa do Marisco no Grove, onde demandou maior apoio ao sector primario galego e reivindicou o apoio das institucións para conseguir que esta festa sexa declarada de interese turístico internacional. 

Preguntada polo proxecto de orzamentos xerais para o próximo ano, a portavoz nacional do BNG considerou que "a falta de forzas políticas propias que defendan os intereses de Galicia" no Congreso fai que estea "diluída como un terrón de azucre na política estatal". 

"Necesitamos pór en marcha unha axenda galega ambiciosa porque hai temas importantes para Galicia que dependen do Goberno e que non poden seguir esperando; como máis investimentos, a transferencia da AP-9, a devolución do Pazo de Meirás, o fin da prórroga a Ence que hipoteca as rías, a modernización do ferrocarril... Moitos temas nos que o Goberno nos discrimina e lamentablemente nin a Xunta nin as forzas de ámbito estatal son capaces de darlle voz a Galicia, facer que exista politicamente", asegurou.

Pontón sostivo que na negociación co resto de forzas políticas para poder aprobar a proposta de orzamentos o resto de Comunidades Autónomas van pór sobre a mesa as súas reclamacións e é "triste" que Galicia estea "desaparecida" da política estatal. 

Chamou a atención sobre o voto do resto de parlamentarios en Galicia a unha proposta do BNG esta semana no debate de política xeral para demandar unha "axenda galega". 

"Quedamos sós -lamentou- A xente deste país ten que reflexionar sobre que tipo de representantes temos que non son capaces de canalizar as demandas de Galicia", sinalou. 

Sobre a subida prevista do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), a dirixente nacionalista galega asegurou que é unha "cuestión inescusable, tras anos conxelada" na que os traballadores perderon poder adquisitivo. 

En calquera caso indicou que esta mellora se producirá para o conxunto de traballadores con independencia de onde vivan; mentres que os cidadáns doutros territorios "terán outros avances adicionais que Galicia non terá.

De todos os xeitos, considerou que era preciso un "un xiro na política económica" e lamentou que os avances sexan "insuficientes", xa que "non se derroga a reforma laboral" e ademais o acordo entre o Goberno e Unidos Podemos carece de "garantías de saír adiante", xa que "só son dúas patas de todas as necesarias para que se aproben" os orzamentos. 

Comentarios