Pontón reivindica dende Lugo a necesidade de industrializar o sector agrario

A portavoz do BNG reflexionou sobre as oportunidades dos fondos Next Generation
Ana Pontón xunto a outros representantes do BNG, en Lugo. BNG
photo_camera Ana Pontón xunto a outros representantes do BNG, en Lugo. BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este mércores a necesidade de "reindustrializar" o sector primario e o agrario, para o que avogou por reflexionar sobre as oportunidades que se abren cos fondos Next Generation. 

Nunha visita ao Campus de Lugo, Pontón apelou á reflexión sobre as oportunidades que os fondos de recuperación europeos abren para o interior de Galicia e Lugo. "O interior de Galicia non pode quedar atrás e hai que pór en marcha unha estratexia que permita visibilizar eses fondos para reverter algún dos problemas que vemos, como o despoboamento ou o envellecemento", sostivo. 

"Segue existindo un sector que é básico como o sector primario, que ten un enorme potencial e unha enorme capacidade e cremos que se deben de utilizar os fondos Next Generation para industrializar o sector agrario e ter unha estratexia que permita a transformación desa materia prima creando máis emprego, mellores rendas e creando unha actividade económica que reverta a situación que vivimos estes anos", precisou. 

Pontón incidiu en que se debe de "acompañar esa estratexia de industrialización" con "outras tres partes" como son "unha estratexia de quilómetro 0 que permita a comercialización en circuítos curtos dos produtos", "impulsar unha plataforma de distribución público privada que posibilite a saída a novos produtos", así como "un plan do rural intelixente que garanta que vai haber conexión a Internet".

CHEGADA DO AVE A LUGO. Por outra banda, sobre a chegada do Ave a Lugo, a nacionalista puxo de relevo que "é fundamental" que Lugo poida ter un tren que vertebre o país. 

"Aínda que ás veces a única obsesión parece ser chegar canto antes a Madrid, é importante que Lugo-Sarria teña unha conexión con Monforte, con Ourense ou pór sobre a mesa unha alternativa para que Lugo estea conectada con Santiago porque iso permitiría reducir moito as distancias e os tempos", demandou. 

Finalmente, Pontón resumiu en que "o gran reto" pasa por que "haxa realmente unha modernización do ferrocarril", que sirva para a conexión interior dos pobos e cidades. "Esa debe de ser a prioridade", apuntou.

Comentarios