Pontón pon en valor o papel dos supermercados que apostan polo produto galego

A líder nacionalista visitou este martes o supermercado que o grupo Vegalsa-Eroski ten en Montouto para coñecer a súa política á hora de pór á venda produtos de proximidade 
Ana Pontón, durante a súa visita ao establecemento de Eroski en Montouto. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Ana Pontón, durante a súa visita ao establecemento de Eroski en Montouto. PEPE FERRÍN (AGN)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou a unión entre os produtores galegos e os supermercados que, ao seu xuízo, poden converterse en "aliados" para a comercialización de alimentos locais e produtos de 'quilómetro cero'. 

A líder nacionalista visitou este martes o supermercado que o grupo Vegalsa-Eroski ten en Montouto –Teo (A Coruña)– para, acompañada polo director xeral, Joaquín González, e o director de compras, Jorge Eiroa; coñecer a política da compañía á hora de pór á venda produtos de proximidade nos seus centros. 

Segundo as cifras da empresa, no ano 2020 as compras a produtores e provedores locais a través de centros do grupo Vegalsa-Eroski ascenderon a 332 millóns de euros, o que, a xuízo de Pontón, evidencia a importancia da unión entre supermercados e produtores locais. 

"Os supermercados poden ser aliados para os produtores e produtoras locais abríndolles unha vía de comercialización, o que ademais implica pór á disposición dos consumidores e dos consumidoras alimentos galegos de calidade e saudables e implica tamén unha maior sustentabilidade e preservación do medio ao apostar por produtos quilómetro cero", resaltou Pontón. 

Así as cousas, defendeu a aposta polos produtos locais como unha vía para "dimanizar" o tecido económico das zonas, ademais de ter como alicientes a súa contribución a unha dieta saudable e de calidade e a aposta por "a sustentabilidade" ao reducir os traslados das mercadorías.

RECOÑECEMENTO AOS TRABALLADORES. Ademais, Ana Pontón tamén aproveitou a visita a Montouto para enviar unha mensaxe de recoñecemento aos traballadores dos supermercados polo seu labor durante a pandemia. 

"Foron parte das imprescindibles nos peores momentos da crise para garantir o abastecemento de alimentos ás familias. Grazas polo voso esforzo", incidiu tras lembrar que os cadros destes establecementos están compostos na súa maioría por mulleres. 

Por último, a líder frontista valorou o compromiso de Vegalsa-Eroski coa lingua galega a través da etiquetaxe e a sinalética dos seus centros. 

Comentarios