Pontón anima a "dar a volta á calamitosa situación que deixou a dereita"

O BNG pide a Feijóo que a Xunta reforce as pensións con 40 millóns de euros

Ana Pontón.PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Ana Pontón.PEPE FERRÍN (AGN)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que "non falte ao respecto" aos xubilados e "non escorra o vulto", e apoie as medidas propostas pola formación para a subida das pensións galegas, entre as que figura o reforzo das pensións non contributivas, cunha achega que cifrou en 40 millóns de euros.

Así o manifestou ao comezo da súa intervención no Consello Nacional da formación, celebrado este sábado en Santiago de Compostela, no que defendeu que o BNG é unha "organización unida e solvente", cun "proxecto para Galicia", fronte ao "corte pega desde Madrid" doutras formacións ou a "política cruel e centralista" do PP.

FEIJÓO TEN QUE "DEIXAR DE ESCORRER O VULTO SOBRE AS PENSIÓNS"

Adicou tamén unha palabras respecto ás protestas dos xubilados, mobilizados este sábado para reclamar unha subida das súas pensións. Así, Pontón pediu a Feijóo que "non lle falte o respecto aos xubilados" e "deixe de escorrer o vulto dividindo e enfrontando", porque despois de que o PP inxectase "65.000 millóns á banca non ten nin un euro para a subida das pensións dos galegos, as segundas máis baixas".

Así, instou ao presidente da Xunta de Galicia a que "explique" se o martes apoiará a iniciativa que presentou o BNG para que as pensións se increménten, como mínimo, o custo da vida, para que a idade de xubilación se volva fixar nos 65 anos e os pensionistas non perciban menos de 1.000 euros.

Ademais, instou a que apoie a proposta nacionalista de que Galicia achegue 100 euros mensuais a cada pensión non retributiva, que se sitúan en 346 euros, nunha iniciativa que cifrou en "só 40 millóns de euros dos máis de 9.000 de orzamento cos que conta a Xunta de Galicia".

"Non é un problema de recursos senón de vontade política e de modelo", aseverou.

UNHA AXENDA GALEGA POLA IGUALDADE

Pontón tamén se referiu ás recentes protestas do 8 de Marzo, o "Nunca Máis das mulleres", no que "non houbo lugar no Estado con manifestacións tan importantes como Galicia" e no que "as mulleres galegas déronlle unha lección de dignidade á dereita azul e á dereita laranxa que primeiro atacou a folga e despois tentouna descafeinar".

"Estamos cansadas de políticos que cren que o feminismo consiste en pór un lazo lila o 8 de marzo e despois pasar de todo o resto do ano", agregou Ana Pontón, que sinalou que o BNG ten a "obrigación" de "dar voz" ao malestar das mulleres, para o que a formación nacionalista comprométese a impulsar unha Axenda Galega pola Igualdade.

Entre outras medidas, incluiría unha lei galega pola igualdade salarial ou a penalización a empresas que non respecten o principio de "igual traballo, igual salario", para que non poidan contratar con administracións.

Como resumo, manifestou que "as rúas son o mellor termómetro do malestar social coa política cruel e centralista que encarna o PP", e convidou a todos os que manifestan o seu malestar a "traballar man a man para o cambio político que necesita Galicia e que un BNG renovado está disposto a liderar".

"PROXECTO PROPIO PARA GALICIA E NON DE CORTE PEGA DESDE MADRID"

Ana Pontón, tras debullar deste xeito as distintas propostas, remarcou que o BNG é unha "organización unida e solvente", que posúe un "proxecto claro para liderar" en Galicia, un "proxecto que non é un corte pega deseñado desde Madrid".

Aínda así, instou aos presentes no encontro a porse "as pilas" e "ir a por todas" de cara ás eleccións municipais de 2018, traballando ao redor dunha "folla de ruta marcada", que pivota sobre a aprobación das bases para a elaboración dos programas que se concretarán no programa marco e nos municipais.

"Estamos a ano e pico das eleccións e temos que traballar desde xa, o BNG está á alza e notarase nas eleccións pero temos que dar o mellor de nós mesmos e actuar con aqueles que comparten a defensa de Galicia e proxectos políticos propios", engadiu Pontón, para "dar a volta á calamitosa situación que deixou a dereita", aseverou Pontón.

Comentarios