Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

Pontón: "Feijóo queda polo medo aos 'dossieres"

Ana Pontón. PEPE FERRÍN
Ana Pontón. PEPE FERRÍN

A líder nacionalista descarta que a decisión do presidente galego "teña ver co seu compromiso con Galiza"

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, considera que o presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, renunciou a presentar unha candidatura para dirixir o partido a nivel nacional "por descarte" e "movido polo medo aos 'dossieres' que abran novas páxinas no seu álbum de fotos". "Como as que o mostran navegando pola ría de Arousa cun narcotraficante", puntualizou.

Nun comunicado, a líder nacionalista acusou ao presidente dos populares galegos de "non ser capaz de dar exemplo de rexeneración na súa propia casa" e de "non querer facer a travesía do deserto electoral" que supón, ao seu modo de ver, "coller o mando dun PP condenado por corrupción".

"No BNG temos claro que a súa decisión nada ten que ver co seu compromiso con Galiza. Non lle imos comprar esa milonga a quen se pasou nove anos subordinado ao expresidente do Goberno Mariano Rajoy", denunciou Pontón.

Neste sentido, a nacionalista asegurou que Feijóo leva "nove anos pondo por diante os intereses do seu partido aos intereses deste país" e "traizoando aos galegos conducindo a Galiza á irrelevancia política".

OS "VERDADEIROS MOTIVOS"

Así, o Bloque considera que o dirixente do PPdeG opta por quedar na Comunidade "por descarte, tras sopesar proles e contras durante dúas semanas" nas que, segundo palabras de Pontón, "a súa axenda persoal estivo por encima do país".

"Estes son os verdadeiros motivos polos que Feijóo tira a toalla", expresou a portavoz nacional do BNG para despois incidir en que ve "cínico" o ton reivindicativo do evento no que o presidente galego fixo un "acto de propaganda persoal".

"Tras dúas lexislaturas de submisión a Rajoy, agora proclama que Galicia non vai a quedar calada. Supoñemos que o cambio no Goberno do Estado xa actuou como eficaz antídoto á súa década de servilismo a Madrid", sentenciou Pontón. 

Pontón: "Feijóo queda polo medo aos 'dossieres"
Comentarios