A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu este ventes aos deputados populares no Congreso, nomeadamente a Ana Pastor, que rompan a disciplina de voto para que a proposta de Lei de transferencia da AP-9 –aprobada no Parlamento galego– se poida tramitar.
Nunha visita institucional a Poio durante a celebración da XIII Concentración de Embarcacións Tradicionais, a líder nacionalista instou aos deputados que integran a Mesa do Congreso na que se vai debatir a proposta a que "non voten en contra dos intereses de Galicia e acepten a tramitación da lei da AP-9".
Pontón reacciona así ao documento feito público este venres no que a Administración Xeral do Estado expón que o traspaso da AP-9 conlevaría un "aumento dos créditos presupuestarios", razón pola que veta a tramitación da proposición de lei.
"Esa misiva é unha labazada na cara de todos os galegos e todas as galegas, unha mostra mais de desprezo a este país", declarou a nacionalista, que se mostra convencida de que o traspaso da AP-9 "non vai desequilibrar as contas públicas do Estado". "Podería telas desequilibrado o rescate bancario ou o rescate das radiais madrileñas ou esa amnistía fiscal declarada ilegal", engadeu.
Pontón culpou da situación ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen, asegurou, "fixo da estratexia de sumisión a súa carta de presentación en Madrid e o resultado é que se pasa por riba dos acordos unánimes do Parlamento de Galicia".
"Estamos ante unha cuestión importante para o noso país. É o primeiro paso para acabar cunha xestión que é absolutamente abusiva e cunha peaxes que son unha auténtica estafa", concluíu a líder nacionalista.
Pontón di que, a diferenza do rescate bancario, o traspaso da AP-9 non afectará aos orzamentos
A nacionalista, de visita en Poio, pide aos deputados populares, nomeadamente a Ana Pastor, que rompan a disciplina de voto para que a proposta de Lei se poida tramitar