Ana Pontón: "Os galegos demostraron este ano que estiveron á altura, pero o Goberno de Feijóo non"

Ás portas do Día da Patria, o BNG de Ana Pontón preséntase como única opción de frear a "discriminación" á que PP, PSOE e Podemos someten a Galiza
Ana Ponton
photo_camera Ana Pontón. PEPE FERRÍN

Xa pasou un ano desde as eleccións galegas. Que balance fai?
Foi un ano marcado pola pandemia, pero no que vimos que o Goberno de Feijóo foi sempre detrás do virus, sen anticiparse e sen aprender as leccións desta crise: debilitouse a parte máis importante da sanidade que é a Atención Primaria, non hai un plan de país no económico e nun ámbito tan sensible como as residencias de maiores non se mudou o modelo privatizador. Os galegos demostraron que estiveron á altura, pero o Goberno de Feijóo non.

É frustrante ver que o covid condiciona toda a axenda política?
O frustrante é ver que con tanta xente falecida e con problemas económicos tan graves a Xunta non aprendese a lección e camiñe na dirección contraria. Desde o minuto cero despois das eleccións, en plena pandemia, a fixación do Goberno de Feijóo foi atacar ao BNG e á súa portavoz. Están nerviosos porque saben que somos a alternativa e que temos un proxecto sólido con propostas para os fondos Next Generation, a sanidade, un novo modelo de residencias ou un horizonte de futuro para a mocidade que evite que a xeración covid teña que emigrar.

Foi a comisión de reactivación do Parlamento tempo perdido?
O que vimos é que o PP se viu forzado a constituíla pero nunca creu nela como foro para pór en marcha un grande acordo de país para saír da crise. O PP ten maioría para sacar adiante as súas políticas pero demóstrase que as súas receitas non dan resultado: en sanidade hai lista de espera de dúas semanas para o médico de cabeceira, na economía os datos de paro e fuga de empresas son alarmantes e no social tampouco funcionaron.

Volvemos aos 500 contaxios diarios. Periga a desescalada?
Co covid e a súa xestión os gobernos do ámbito europeo demostraron a súa incapacidade para anticiparse ao virus. Tómanse decisións precipitadas e sen escoitar os expertos sanitarios ou sen atender a experiencia doutros países que teñen a situación máis controlada. Algo se está facendo mal e vemos que non falla a cidadanía, senón as decisións políticas. A xente, se algo demostrou, foi a súa capacidade de resistencia, resiliencia e adaptación a situacións complexas, o que é un valor para enfrontarnos aos cambios estruturais que temos pendentes.

"Galiza ten o petróleo do futuro, a enerxía eléctrica, pero o modelo de Feijóo róubanos ese futuro, así que temos que mudalo"

Para acometer eses cambios estruturais son vitais os fondos europeos, pero España e Galicia xa enterraron antes diñeiro de Europa. Teme que ocorra o mesmo?
Temo que isto se converta noutra oportunidade perdida para Galiza. Primeiro porque nós tentamos que houbese unha fronte na defensa dos intereses galegos coa territorialización do reparto deses fondos, pero o PP sempre votou en contra. E logo porque o enfoque que comparten os gobernos central e galego é que estes fondos se drenen cara ás grandes multinacionais e non cara á pequena empresa e os servizos públicos. O Goberno central xestiona estes fondos con opacidade porque se descoñecen os criterio de reparto ou os recurtes asociados e cando hai opacidade hai algo que agochar. Dá a sensación de que repetiremos o erro de 2008: entón salvouse a banca a costa dos dereitos sociais e agora salvaremos as grandes empresas.

Ana Pontón. PEPE FERRÍNA Xunta di que o Goberno central discrimina a Galicia. Compárteo?
Diría que a discrimina coa complicidade da Xunta, que non moveu un dedo para rachar co marco centralizador actual. E iso é porque Feijóo está atado a Casado e á concepción centralista do PP. Galiza precisa reforzar o único espazo que a defende coas mans libres: o BNG. É grave ver como nun momento histórico de grandes transformacións volveremos quedar atrás, vendo pasar diante da porta trens que imos perder. É frustrante porque somos un país con gran potencial, pero o centralismo impídenos desenvolvelo, como estamos a ver coa enerxía.

Precisamente o BNG está moi belixerante cos eólicos. Por que?
Galicia ten o petróleo do futuro que é a enerxía eléctrica, pero o feito de ser grandes produtores non nos deixa beneficios; ao contrario, pagamos das tarifas máis caras da UE. O que deseñan Xunta e Goberno central é un boom eólico depredador ao servizo do lobby eléctrico, mentres vetan a única proposta que hai sobre a mesa para abaratar a luz: unha tarifa eléctrica galega. No BNG non inventamos nada porque en países como Suecia, Dinamarca, Suíza, Alemaña ou Reino Unido teñen tarifas diferenciadas onde se abarata o custo ás zonas produtoras. Feijóo néganos esa tarifa galega que sería fundamental para as familias e tamén para a economía, porque temos milleiros de empregos en risco polo custo enerxético. Debemos mudar o modelo porque nos están roubando o futuro.

"O PP está nervioso e obesionado co BNG e coa súa portavoz; por iso nos ataca con tanta dureza"

Pero ao BNG acúsano de estar en contra da enerxía eólica. É así?
Iso forma parte do nerviosismo do PP. Debemos estar entrando na súa base porque os ataques ao Bloque e á súa portavoz son desproporcionados, con mentiras e tentando meterlle medo á xente. O debate aquí non é eólica si ou non senón como, onde e para quen. A eólica, como outras fontes de enerxía, ten cabida pero de forma respectuosa co medio ambiente e o rural. Os eólicos non poden pasar por riba dos produtores do noso país! Cando Feijóo veta a tarifa eléctrica galega pensa en Naturgy, Greenalia ou Iberdrola e nas portas xiratorias que tan ben lle funcionan a PP e PSOE.

Xa que estamos co medio ambiente... É Ana Pontón de chuletón?
Eu son de non alimentar polémicas estériles. Se algo temos que facer é apostar polos nosos sectores produtivos e por políticas de quilómetro cero, consumindo todo tipo de produto galego: de mar, de terra ou vexetal.

Dous acordos do pacto de investidura do BNG con Sánchez eran Alcoa e a AP-9. No primeiro a Sepi recúa e o traspaso da autoestrada será só de xestión e non de titularidade. Séntese traizoada?
O que sinto é que o Goberno do PSOE está repetindo a discriminación con Galiza do Goberno do PP, unha lectura equivocada porque cando Sánchez incumpre os acordos de investidura non está faltándolle ao respecto ao BNG senón a Galiza. E os galegos cada vez están máis cansos desa discriminación e din «¡basta xa!». A única ferramenta que temos contra iso é aumentar a representación do BNG, porque un só deputado de 350 puxo Galiza e os seus intereses no mapa, pero necesitamos máis: contar cun grupo en Madrid para condicionar a política do Estado a favor da comunidade. O BNG é a única forza que pode facelo, porque PP, PSOE e Podemos tan só se alternan na discriminación. E hai moito en xogo: Alcoa, o ferrocarril de Lugo, as rebaixas da AP-9... Debe ser moi frustrante para moitos votantes que non apoian a dereita ver como seguen en pé a lei mordaza e a reforma laboral ou que falen de recurtar pensións.

"O modelo madrileño centrifuga crispación e converte a política nun 'Sálvame' que alimenta discursos como os de Vox"

Medrou a escalada de violencia verbal e física, dentro e fóra da política, desde a irrupción de Vox?
O que hai é un centralismo madrileño que o único que fai é centrifugar crispación, antipolítica e confrontación estéril fronte ao debate de ideas. Están facendo da política unha especie de ‘Sálvame’ e todo nun marco onde emerxe a extrema dereita, que emite discursos de odio, crispación, racismo, machismo e homofobia que son perigosos porque dan ás a comportamentos que hai que illar nesta sociedade. Pero o que me preocupa é a capacidade de Vox para condicionar a política do PP e do propio Feijóo. Acabámolo de ver co crime da Coruña. Horrorízanos que no noso país se poda matar a patadas a unha persoa ao berro de "¡maricón de mierda!", o que evidencia un problema de homofobia. Como se pode minimizar ou dicir que non é importante como fixo o presidente da Xunta? Non podemos alimentar eses discursos nin blanquear a extrema dereita. O PP debería de aprender da dereita europea e illar a Vox e o seu discurso, que ademais é antigalego.

De feito foi Vox quen resucitou o conflito lingüístico co galego. Eles consideran a Feijóo un nacionalista perigoso nese sentido.
Calquera que viva aquí coñece a política que aplica Feijóo contra a lingua e cuxo resultado é demoledor. O último estudo da RAG di que o 40% do alumnado que remata Eso non ten dominio pleno da lingua e iso é resultado dunha política deliberada que nos priva da riqueza e valor da lingua propia. Lingua que ademais nos abre portas a milleiros de persoas da lusofonía e que supón unha oportunidade económica que non debéramos desaproveitar.


"O Estatuto quedou pequeno; hai que esixir un novo estatus"

Cal é este ano a mensaxe central do BNG no Día da Patria?
Unha mensaxe de impulso. Falamos de ‘Galiza sen límites’ porque cremos que este país ten un potencial enorme e necesita o liderado do BNG para desenvolvelo. Tamén será un 25-X para os profesionais da pandemia e no que esixiremos unha saída xusta a esta crise. E sobre todo un Día da Patria para a xente nova: temos que tratar a mocidade como ouro en paño porque é o futuro e Galiza non pode permitir que outra xeración emigre.

O Día da Patria chega en pleno rexurdimento do conflito catalán. Que se xoga Galicia nese debate territorial?
Xogámonos non pasar a terceira rexional. Galiza ten un Estatuto que cremos que é un traxe que lle queda pequeno e que a pandemia amosou que é insuficiente para poder darlle resposta a todos os retos do país. Galiza non pode autolimitarse e ten que aparecer como nación que reclama capacidade para poder decidir sobre o noso: a nosa enerxía, a nosa costa, a nosa seguridade viaria... Máis capacidade de decisión supón máis benestar. Euskadi e Cataluña van dar pasos para ter máis ferramentas e nós quedaremos atrás, cando somos a nación sen Estado que máis precisa o poder político porque somos a que máis problemas ten: perdemos habitantes, peso no PIB...

E chega cunha reforma do Estatuto ou é precisa a independencia?
Temos que trazar as nosas propias vías. Estamos nun momento onde hai que forzar un pouco máis o marco porque a autonomía é un instrumento moi limitado, así que temos que reclamar un novo estatus político como nación no Estado e avanzar nesa dirección.

Logo da polémica campaña de Galiza Nova 'Rachemos co Xacobeo' o PP acúsaos de estar en contra dese fenómeno.
Esa resposta do propio Feijóo atacando o BNG e a mocidade que denuncia a precariedade é outra mostra do seu nerviosismo. Galiza Nova retirou o cartel, pero non a campaña, na que denuncia que 200.000 galegos emigraron condenados polas políticas de Feijóo. Que a Xunta, coa que está caendo, se dedique a facerlle oposición ao BNG xa no é só nerviosismo: eu diría que están algo obsesionados con nós.

Ana Pontón. PEPE FERRÍN

"Só hai un BNG e unha liña política e amosou que non ten teito"
No BNG non hai problemas de liderado. Que se debaterá na asemblea do 7 de novembro?
Será un debate de ideas. Desde a última asemblea ata hoxe a posición do BNG mudou moito: somos segunda forza e alternativa ao PP. Temos que reflexionar sobre o que está a pasar no país e sobre como serlle máis útiles á xente.

As enquisas sorrinlle.
Eu son pouco crente nas enquisas. Pero máis alá dos resultados o que se palpa é que o BNG, lonxe de tocar teito, segue medrando.

Neste 2021 cumpriu cinco anos á fronte do BNG. Está satisfeita cando bota a vista atrás?
Estou orgullosa do que entre todas e todos levamos feito. Sempre confiei no BNG e en Galiza e penso que temos acertado nestes anos: conseguimos que o BNG resintonizase con amplos sectores da sociedade e é fundamental para que Galiza teña un futuro de esperanza.

Cando terán designados os principais candidatos ás eleccións municipais de 2023?
Non hai un calendario, aínda que o reto das municipais é importante. No Bloque estamos demostrando que temos capacidade para poder gobernar transformando as nosas cidades. O exemplo máis evidente é o de Pontevedra, pero tamén no goberno de Lugo, onde houbo un antes e un despois da chegada de Rubén Arroxo  e onde o BNG está sendo o motor das grandes transformacións da cidade.

Que pálpito ten sobre Feijóo e Caballero de cara a 2024?
Non estou pensando en 2024 nin en Feijóo nin en Caballero. Para min a clave é fortalecer o espazo do BNG, onde somos a alternativa real ao PP. Demostramos que somos cada vez máis transversais e que chegamos a máis segmentos e sectores, e iso é o que pon nervioso o PPdeG.

Teme que esa maior transversalidade e ese perfil máis institucional que vostede lle dá ao Bloque poda chocar con discursos máis escorados como os de Néstor Rego?
Néstor Rego e Ana Pontón somos dúas persoas coa mesma maneira de facer política e de entendela. El ten un traballo distinto porque representa os intereses de Galiza en Madrid, pero só hai un BNG e só hai unha liña política. E nestes anos comprobamos que esa liña ten capacidade para chegar a moitas persoas.

Comentarios