Pontón celebra a candidatura simbólica de Anxo Quintana en Allariz

"Temos espazos de ampliación da nosa base organizativa e moitas persoas seguen mirando ao BNG como alternativa para que Galicia poida ter unha forza política propia que nos defenda", salienta a voceira do BNG

Ana Pontón. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Ana Pontón. PEPE FERRÍN (AGN)

 A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, considerou "un motivo de alegría" a volta á política do exlíder da formación nacionalista galega Anxo Quintana, que figura no posto 22 na candidatura para as eleccións municipais do 26 de maio no concello ourensán de Allariz, onde foi alcalde.

"É un motivo de alegría e vén demostrar que hai moita xente está a sumarse ao BNG porque esta é a casa común do nacionalismo", afirmou nun almorzo informativo Pontón sobre a volta á política do exvicepresidente da Xunta no bipartito que tivo a Emilio Pérez Touriño como presidente do Goberno galego.

"Temos espazos de ampliación da nosa base organizativa e moitas persoas seguen mirando ao BNG como alternativa para que Galicia poida ter unha forza política propia que nos defenda", dixo a portavoz do BNG a preguntas dos xornalistas no acto de presentación do programa electoral da súa formación para os comicios xerais do 28 de abril.

Pontón cualificou de transcendental para Galicia estas eleccións, "onde os galegos e galegas xogámonos moito e podemos ser determinantes para que a balanza se incline para frear a esa involución democrática que nos expón a dereita españolista", afirmou.

"Xa está ben que sexamos os últimos en todo e que as forzas estatais só nos conciban como un celeiro de votos e nos discriminen, agravien e dean un trato inxusto para o noso país", concluíu.

Comentarios