lunes. 01.06.2020 |
El tiempo
lunes. 01.06.2020
El tiempo

Pontón afirma que o BNG "superará todas as enquisas" porque é "garantía de cambio real"

Pontón, nunha mesa de traballo para abordar as necesidades do feminismo. LAVANDEIRA JR.
Pontón, nunha mesa de traballo para abordar as necesidades do feminismo. LAVANDEIRA JR.
O Bloque pretende levar as "políticas de igualdade" ao centro de actuación da Xunta

A candidata á presidencia da Xunta do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, asegura que o seu partido "superará todas as enquisas" sobre as eleccións autonómicas o próximo 5 de abril, cando a cidadanía galega decida co seu voto se opta pola "garantía" de "cambio real" que ofrece a nacionalista. 

As enquisas "poden fallar", precisou Pontón este sábado en Santiago despois de que El Confidencial publicase unha enquisa que dá unha axustada maioría absoluta ao PPdeG (39 escanos), 16 ao PSdeG, 14 ao BNG e seis a Podemos Galicia.  Ante estos datos, a nacionalista considera que "a mellor enquisa verase o cinco de abril" nas urnas. En calquera caso, as estimacións desta sondaxe exceden o dobre da representación actual do BNG no Parlamento de Galicia, onde posúe seis escanos dende 2016. 

Esta "tendencia á alza" tamén foi apuntada por Pontón, xa que, ao seu xuízo "sente nas rúas e vese nas enquisas" que o Bloque "é a garantía do cambio real", "unha forza que despunta con moito impulso", aínda que toma "con precaución" calquera sondaxe. De todos os xeitos, unha proba da relevancia do partido é —para ela— "o nerviosismo do PP" que "ataca por todas as partes" aos nacionalistas porque "sabe" que o BNG é "a alternativa" a un "Goberno popular e a unha dereita que deixa Galicia peor do que a atopou".

Pontón afirmou que "o cambio" o 5 de abril "ten que darse en clave feminista"

O BNG, UNHA "REFERENCIA". Non dubida en afirmar que "hai moitos cidadáns e cidadás" que a día de hoxe ven ao Bloque como unha "referencia" por ser "unha forza política seria, cohesionada, cunha traxectoria importante na defensa de Galicia, capacidade de traballo e de transformación". Por este motivo, na carreira electoral seguirán "traballando" con "humildade e entusiasmo" para seguir "sumando" apoios e conseguir un "proxecto ambicioso, de futuro" e con "política seria". 

O obxectivo é "saír a gañar" o próximo cinco de abril, pero fixo fincapé na idea de que o que se disputará nesa xornada será "a Xunta a Feijóo", pero ao ser preguntada por se esa cita tamén supón un combate polo segundo posto contra o PSOE, opina que o que se xoga é "a confianza dos galegos".

Acusa a Feijóo de aplicar un programa "que se parece moito ao da extrema dereita" en materia de Igualdade

GOBERNO "EN CLAVE FEMINISTA". Por outra banda, a líder nacionalista a quere gañarse esa confianza trasladando cuestións como "a loita contra a violencia de xénero" a un "primeiro plano" e situando as "políticas de igualdade no centro de actuación" do Goberno galego. No marco dunha mesa de traballo, que este sábado reuniu a asociacións, colectivos e ao Bloque en Santiago para abordar as necesidades do feminismo, Ana Pontón lembrou que "o cambio" o 5 de abril "ten que darse en clave feminista". 

Ao seu parecer, todo o contrario é o que deixan once anos de Goberno de Feijóo, que "demostrou ser un presidente carca e reaccionario" que "traballou contra os dereitos das mulleres" cun "programa que se parece moito ao que aplica a extrema dereita". En concreto, censurou o recorte de servizos de información para as mulleres ou que se recuperou " o financiamento" para os centros escolares "que segregan por sexo". O seu obxectivo é aplicar políticas de igualdade, "destinar o 1% dos orzamentos da Xunta á loita contra a violencia de xénero" ou aprobar "recursos de conciliación e corresponsabilidade" para as familias. 

A súa máxima é que "o Goberno da Xunta responda as reivindicacións" que senten na rúa cada 8 de marzo, concluíu. 

Pontón afirma que o BNG "superará todas as enquisas" porque é...
Comentarios