Pontón admite que non se logrou o obxectivo do escano pero destaca a "remontada" do BNG

Ana Pontón. ÓSCAR CORRAL
photo_camera Ana Pontón. ÓSCAR CORRAL

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, recoñeceu que a formación nacionalista "non conseguiu todos os obxectivos" marcados para estas eleccións, xa que finalmente non logrou recuperar a representación no Congreso que perdeu en 2015, pero destacou que a formación política está "en remontada" e tivo nesta cita coas urnas "un avance claro", ao duplicar o número de votos con respecto a 2016. 

Por iso, a imaxe de Pontón coa Executiva Nacional do BNG foi de optimismo para o futuro. Non en balde, a dirixente nacionalista augurou que esta xeira en "alza" seguirá nos próximos comicios municipais e tamén servirá para "acabar coa hexemonía política do PP" e "o decenio negro" de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta. 

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación tras coñecerse os resultados do escrutinio, e logo de ter as primeiras palabras de agradecemento "para todas e cada unha das persoas que decidiron coller a papeleta do BNG"; Ana Pontón incidiu en que "o avance é claro". "Estamos en remontada, pómonos a traballar para as municipais", proclamou, antes de subliñar tamén que conseguiron "cousas que non eran sinxelas". 

Pontón analizou que, nun contexto "moi polarizado", o Bloque logrou "duplicar os votos". Así, referiuse ao debate "presidencialista" e "á polarización" que houbo por parte das forzas estatais, coa apelación ao voto útil. 

Respecto diso, indicou que se viu como "Galicia quedou diluída e era difícil dar o debate en clave galega". "Pero incluso con esas dificultades, fomos capaces, con ilusión e entusiasmo, duplicar os votos", salientou. Co 96,4% escrutado, o BNG logrou 90.460 votos, fronte aos 45.252 de 2016. 

Na súa intervención, Ana Pontón tamén mirou ao futuro como proxecto político. Así, referiuse aos apoios conseguidos nesta xornada electoral para asegura: "Esa aposta fai que contribuamos a construír un BNG máis forte, un proxecto común que lle tende a man a todas as persoas que levan a Galicia na cabeza e o corazón". 

Comentarios