Pomar, sobre a polémica por un caso de enchufismo: "O fallo está acatado desde 2018" 

O Supremo confirma un caso na Escola de Restauración de Pontevedra e a CIG pide a dimisión da conselleira
Carmen Pomar. J.VÁZQUEZ
photo_camera Carmen Pomar. J.VÁZQUEZ

A conselleira de Educación, Universidades e Formación Profesional, Carmen Pomar, quixo resolver este mércores a polémica ao redor dun caso de enchufismo na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra, confirmado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en outubro de 2018 e agora ratificado polo Tribunal Supremo, e asegurou que "o fallo está acatado desde 2018". 

En declaracións aos medios antes de participar nun acto con motivo do 8M en Vigo, e despois de que a CIG dese a coñecer a resolución do Supremo e pedise a súa dimisión, a conselleira lembrou que ese caso (denunciado polo sindicato) "é algo que vén de 2016 e desde 2018 está acatado o fallo". 

No entanto, e a pesar desa primeira resolución do alto tribunal galego, a Consellería de Educación presentou recurso de casación (que agora foi inadmitido polo Supremo). Pomar xustificou este mércores esa decisión, porque "foi un dereito que tiña" o seu departamento, aínda que insistiu en que o fallo está "acatado desde 2018". "E non hai máis nada que engadir", resolveu. 

Os feitos remóntanse ao ano 2016, cando a Consellería de Educación creou unha praza para unha docente que tiña o seu posto de traballo en Avilés, no Principado de Asturias, e que non podía obter destino en Galicia porque non existía un posto da súa especialidade nos centros educativos, ao non ser necesaria. 

A beneficiaria deste posto era Beatriz Seco González, actual directora do Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) –e cuñada de Susana López Abella, exsecretaria xeral de Igualdade da Xunta e integrante da candidatura do Partido Popular ás eleccións autonómicas pola provincia de Lugo–.

Comentarios