Os polos de emprendemento atenderon 570 proxectos no seu primeiro ano en marcha

Na provincia de Lugo foron 130 as ideas empresariais tuleladas, en sectores como hostalería, comercio, servizos e actividades sanitarias ▶ O obxectivo desta proposta da Xunta é dinamizar os territorios nos que se asentan, crear emprego de calidade e fixar poboación no rural
O presidente da Xunta, na apertura do polo da Montaña Lucense. XESÚS PONTE
photo_camera O presidente da Xunta, na apertura do polo da Montaña Lucense. XESÚS PONTE

Arredor de 570 proxectos empresariais son os que se levan tutelado desde os Polos de emprendemento dende a súa posta en marcha pola Xunta de Galicia en xullo do pasado ano. Dende o comenzo instaláronse de forma paulatina oito centros, que son os que hai en marcha na actualidade, pero a idea da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade é continuar a expansión da Rede ata cubrir o cento por cento do territorio galego.

Unha Rede de polos que traballa para impulsar e consolidar proxectos de emprendemento que teñan vinculación coa contorna e na que o demandante atopa acompañamento e asesoramento continuado, metodoloxía común adaptada a calquera proxecto e titorización con profesionais de primeiro nivel. Un apoio ao emprego con asesoramento individualizado sexa cal sexa a fase en que se atope o proxecto, e de principio a fin.

O obxectivo desta iniciativa é facer dos Polos verdadeiros centros de dinamización dos territorios nos que se asentan, sobre todo na Galicia rural, converténdoos en auténticos foros de interlocución que permitan recoller as demandas da poboación e dar resposta desde a Administración coa colaboración do sector privado.

Unha meta á que se suman outras non menos importantes como son a creación de emprego de calidade e o asentamento da poboación.

Son tres os polos de emprendemento que están en marcha na provincia: Lugo Sur, con sede en Monforte; Montaña Lucense, con centro na Fonsagrada, e A Mariña, que atende dende Mondoñedo, aos que se sumará en breve Lugo Comarca, con sede en Friol.

Un total de 130 son os proxectos que se teñen xestionado para a provincia lucense, relacionados con sectores como a hostalería, comercio, servizos e actividades sanitarias e de servizos sociais. Son case unha cuarta parte dos acompañados en toda Galicia, onde foron 550 persoas as que solicitaron asesoramento, das que o 60% foron mulleres.

En total, a Rede de polos de emprendemento da Xunta realizou arredor de 1.700 titorías.

Oliver Pardo, xestiona unha firma audiovisual con selo en Outeiro de Rei ► "O perfil maioritario dos meus clientes é internacional e traballo moito con EE UU"

"Moi agradecido" á axuda recibida para a posta en marcha da súa fima audiovisual se sinte Oliver Lorenzo Pardo (oliveraudiovisual.com), que chegou á Rede de polos de emprendemento a través dun Itinerario Integrado de Emprego.

Oliver Pardo. EP
Oliver Pardo. EP

"É un primeiro impacto bastante complexo de levar ti só, porque non sabes como hai que xestionalo e o tipo de documentos que hai que presentar e o certo é que dende o Polo axudáronme en todo momento e estou moi agradecido a ese apoio, que foi clave", asevera Oliver, de Outeiro de Rei, que aos seus 29 anos está a cumprir o soño de dedicarse a unha profesión que escolleu e que o entusiasma.

Aínda está a dixerir o éxito meteórico que está a acadar, que foi "pasar de 0 a 100, literal", dende que optou por facerse autónomo. "Estudei Realización Audiovisual en Lugo e estiven traballando en produtoras ata que din o salto como freelance", segundo conta, e dende o pasado maio, dedícase como filmmaker e fotógrafo á creación de vídeos e fotos para anuncios, videoclips, festivais e eventos privados, como vodas.

Uns meses nos que ao pulo dos primeiros clientes cos que contaba sumáronse outros moitos por todo o territorio nacional e no estranxeiro ata o punto de converterse estes últimos en referente nos seus encargos. "Agora mesmo o perfil maioritario dos meus clientes é internacional, de Europa, pero sobre todo de Estados Unidos", afirma, sendo os anuncios o que máis lle encargan.

Pode chegar a contratar a xente no caso de que o encargo requira de modelos, pero para todo o resto está el só, o que supón a peor parte do seu traballo, pois "resulta moi complicado desconectar e, ademais, cos clientes internacionais son diferentes horarios", di. Con todo, síntese moi agradecido coa axuda prestada no Polo e contento do resultado, pois "o traballo que estou tendo é incrible e teño a axenda ocupada ata xaneiro".

Yolanda Cabana, creou unha tenda de moda e complementos online desde Castro de Rei ► "Ten moitas vantaxes ser muller emprendedora no rural e hai que apostar por mantelo"

Yolanda Cabana abriu en agosto ByCabanaShop, unha tenda online de roupa a que xa engadiu complementos "porque os pedía a xente" e que en breve complementará "cunha liña de maquillaxe, low cost moi chula", di, seguindo a súa máxima de ofertar calidade a prezos económicos.

Yolanda Cabana. EP
Yolanda Cabana. EP

Un salto ao mundo empresarial que deu dende o seu Castro de Rei natal, porque se algo tiña claro é que non quería saír da súa contorna. "Na casa temos animais e horto, e é algo que non quería abandonar, porque se vou traballar a outro sitio non podería ter todo e creo que o rural non debería desaparecer. É algo importantísimo que dá de comer a moita xente e hai que apostar por mantelo".

Algo que, no seu caso, conseguiu grazas ao apoio prestado dende os Polo de emprendemento. "Non teño máis que palabras de agradecemento, porque me informaron e asesoraron de todo dende os inicios, porque hai cousas que eu non tiña nin idea de que necesitaba facer. Foi unha axuda de dez dende o principio e aínda seguimos en contacto e axúdanme co marketing, promoven cursos e infórmanme dos temas de subvencións que van saíndo. Grazas a eles non teño que andar pendente de nada, porque o están eles de todo e non tes que poñer nada de cartos, só tes que ter ganas", reitera.

Unhas axudas ás que se suman "as vantaxes de ser emprendedora no rural, porque é verdade que hai algo máis de subvención se es muller", reitera a empresaria, que anima á xente a achegarse e solicitar información.

No seu caso, serviulle para volver traballar tras oito anos no paro nun sector que sempre lle gustou e agora conta con orgullo como algúns dos seus últimos pedidos viaxaron a Valencia, Mallorca ou Barcelona e como algún dos traxes que vende os luciron na tele María Mera ou Beatriz Trapote e na Madrid Fashion Week dous influencers vestirán prendas súas.