Pilar Rojo, recibida polo presidente de Taiwán en Taipei

A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, foi recibida hoxe en Taipei polo presidente de Taiwán, Ma Ying-jeou. Ó encontro tamén asistiron o ministro taiwanés de Asuntos Exteriores, David Lin, e o presidente do Foro Comunitario de Autoridades Locais (TCF), Lin Chin-chang.

Durante o encontro, ambos dirixentes departiron sobre a necesidade de fortalecer a gobernanza a multinivel para implementar un desenvolvemento sostible que atenda as necesidades reais dos cidadáns. Pilar Rojo, como presidenta tamén da Conferencia de Asambleas Regionales con Poderes Legislativos (CALRE), destacou a importancia das estratexias europeas destinadas ao continente asiático e a posible colaboración da CALRE ao nivel rexional para o desenvolvemento desta estratexia.

A presidenta do Parlamento de Galicia tamén subliñou a importancia de Galicia, e explicou a Ma Ying-jeou a transcendencia do Camiño de Santiago e a súa condición de primeiro itinerario cultural europeo.

A entrevista de Pilar Rojo co presidente de Taiwán puxo punto final á visita da presidenta do Parlamento de Galicia e da CALRE a Taipei, a onde acudiu convidada polo presidente do Foro Comunitario de Autoridades Locais. Na súa condición de presidenta da CALRE, Rojo compartiu foro co presidente da Conferencia Nacional de Lexislaturas Estatais de Estados Unidos (NCSL), Bruce Starr, o presidente da Alianza de Conselleiros Locais Xaponeses, Yoshiaki Matsuda, o ministro do Interior de Taiwán, Chen Wei-zen, así como con profesores universitarios, lexisladores e diversos representantes da Administración taiwanesa.

Comentarios