ROSA QUINTANA | CONSELLEIRA DE MAR

"A pesca é unha actividade que produce alimentos e a pandemia amosounos a importancia que iso ten"

▶ É a conselleira máis veterana do Goberno de Feijóo xunto a Rueda e a mellor valorada en moitas enquisas. Agora terá que tirar de toda esa experiencia para axudar ao sector ante as ameazas de Brexit e covid
Rosa María Quintana Carballo. PEPE FERRÍN
photo_camera Rosa María Quintana Carballo. PEPE FERRÍN

En que punto está agora a negociación pesqueira do Brexit?
O acordo foi ratificado polo Reino Unido e falta que o faga o Parlamento Europeo, pero damos por feito que quedará como está. Ten 1.276 páxinas das que 15 son específicas de pesca. Nós xa as revisamos pero hai que ver como se aplicará, que é o que nos preocupa. Por iso encargamos un estudo técnico-administrativo e outro xurídico para ver que letra pequena nos poden aplicar. Esa foi a folla de ruta acordada no Consello Galego de Pesca e, unha vez coñezamos o resultado deses informes, deseñaremos a nosa estratexia.

A falta desa letra pequena, o que di a grande é que se poderá pescar en augas británicas cinco anos e medio máis a cambio de entregar o 25% do valor das capturas.
Iso é o que sabemos, pero descoñecemos como se artellará ano a ano, que especies entrarán na negociación, que medidas aplicará o Reino Unido... E sabemos que de xaneiro a marzo deste ano temos un 25% das posibildades de pesca que tivemos o ano pasado para non interromper a actividade, pero non sabemos cales teremos a partir do 31 de marzo ata fin de ano. Todo iso hai que negocialo.

O Goberno fixo unha valoración bastante curtopracista; a nós e ao sector preocúpanos que vai pasar dentro de cinco anos

Teñen cuantificado o impacto do Brexit na frota galega?
A afectación económica non a temos feita. Cepesca fixo unha análise inicial que apunta un impacto de 54 millóns para España, dos que o 60% ou 70% corresponde a Galicia porque somos a comunidade que máis frota ten en aguas afectadas polo Brexit. E a isto habería que sumarlle todos os efectos na cadea mar-industria: comercialización, transformación...

Como se entende que o ministerio diga que o acordo é un éxito e a Xunta que é nefasto?
O Goberno fai unha valoración moi curtopracista: ante a posiblidade de desastre que produce toda separación nós perdemos pero os demais perden máis, así que non saímos tan mal. Pero a min esa reflexión preocúpame porque cinco anos e medio pasan moi rápido e... cal vai ser despois o impacto? Como imos ter acceso a intercambio de especies ou quen nos vai ceder posiblidades de pesca se quedaron peor ca nós? Como repercutirá que toda esa frota empece a faenar en augas nas que antes no traballaba? Todo isto necesita respostas e unha análise sosegada. O propio ministerio xa foi matizando as súa euforia inicial.

O sector está preocupado?
Está preocupado polo que vai pasar dentro de cinco anos e medio, igual ca nós. Eu dicíalle ao ministro que se UE, Goberno e autonomías estamos traballando polo relevo xeracional na pesca e para facer atractiva a actividade, será difícil conseguilo se a mensaxe que damos é que dentro de cinco anos non sabemos que vai ser de nós. Quen inviste en algo se non sabe o seu futuro a curto prazo! Eu pido á CE que faga esta reflexión. E logo hai outra: nesta pandemia aprendemos que necesitamos ter soberanía alimentaria, non depender de terceiros países. Moitos sectores empresariais sofren a pandemia pero unha vez que pase volven ou outros negocios nacen no seu sitio; pero a un barco que se desguaza non o substitúe outro.

Con intercambios con outros países pódese arranxar o reparto para ter cotas similares ás de 2020

Sempre se fala de que o gran reto do sector é pescar menos, de forma máis sostible e vender mellor. No papel parece fácil, pero como se consegue na práctica?
Nós podemos dicir que desde 2009 a maioría dos caladoiros da nosa frota están en rendemento máximo sostible, o que confirma que se pode facer unha explotación responsable, eliminar os vellos conceptos da pesca olímpica regulando as pesquerías, a actividade, os días de traballo, os tamaños, as descargas... Pero todo iso debe facerse mantendo a rendibilidade da actividade e non pode cambiarse da noite para a mañá. Ademais, hai que lembrar que só coa produción natural non seremos quen de dar proteína marítima a todos os consumidores, polo que a pesca debe ir acompañándose do desenvolvemento da acuicultura.

Nese escenario sostible que debuxa ten cabida o arrastre?
Entendo que si. Algúns dedícanse a demonizar determinadas artes de pesca, pero non hai artes boas ou malas senón ben ou mal utilizadas. Non está demostrado científicamente que o arrastre produza ningún dano e nos caladoiros onde traballa segue habendo unha boa explotación. O que hai que facer é xestionar ben a actividade e regular onde pode traballar: por exemplo, nós no interior das rías témolo prohibido.

O sector rematou 2020 con malas novas no reparto de cotas de pesca para 2021. Ten arranxo?
Algún arranxo ten que ter. Cando dixen que non saía satisfeita do resultado do consello de ministros europeos en decembro é porque, se España xa tiña as posibilidade de pesca moi limitadas, calquera cousa que perdas vaiche complicar a rendibilidade das embarcacións. Cando falo de arranxo falo das posibilidades de intercambios de cota con outros países, algo no que xa estamos traballando. Penso que podemos conseguir unha situación parecida á do ano 2020.

É difícil que os mozos sintan vocación ou paixón por ir ao mar se non teñen barcos cómodos para pescar e descansar, wifi...

Vendo as últimas negociacións en Europa a pesca parece a irmá pobre da economía.
Os países con intereses pesqueiros en Europa somos oito. Pero as administracións e a sociedade deben reflexionar: a pesca é unha actividade económica, pero produce alimentos. Todos temos que ter claro se queremos apostar por ela ou non. Desde a Xunta témolo claro, porque non imaxinamos Galicia sen actividade pesqueira. As tablas input-output da USC reflectían que das 84 ramas de actividade que había en Galicia 61 dependían da pesca.

Antes falaba de relevo xeracional, pero a pesca ten un problema maior: a falta de man de obra.
Iso ten moito que ver con facer atractiva a actividade. Un mozo de 18, 19 ou 20 anos vai querer ir a traballar a un barco onde comparte camarote con outras catro ou cinco persoas e no que ten que estar metido o pouco tempo que lle queda libre? En calquera empresa se fala de ergonomía, da comodidade das cadeiras e as mesas... E logo os pescadores non teñen dereito a descansar en sitios cómodos ou dispor de conexión wifi para falar coa familia ou os amigos en terra? Se non somos capaces de conseguilo é difícil que a xente sinta vocación e paixón por ir ao mar. Nós levamos tempo pedindo isto e agora no novo fondo marítimo europeo de pesca permítese facer barcos máis grandes, aínda que limitado aos menores de 24 metros. Isto é importante, porque facer barcos máis grandes non é pescar máis: simplemente é poder pescar desde un lugar máis cómodo. É doado de entender.

Como impactou a pandemia?
Nun primeiro momento colleunos a todos descolocados. Co peche da hostalería e a restauración non sabíamos moito onde colocar os produtos. O marisqueo case parou por completo, cunha caída do 96%, porque as depuradoas xa estaban abastecidas para a Semana Santa. Na flota mantívose bastante ben a actividade ao ser declarada esencial. O problema é que caeron os prezos, cunhas variación que non entendiamos moito e que ás veces impedían cubrir gastos. Por iso fixemos dúas campañas de promoción: unha para dar grazas aos que saían traballar e outra para motivar a sociedade e que apostara polo peixe, que era especialmente importante nun confinamento pola súa achega de vitamina D, nun momento no que a xente saía menos e recibía menos luz solar. Os prezos empezaron a recuperar e a campaña de Nadal xa foi moi boa. Así que nun ano que podía ser magnífico, porque ata marzo iamos moi ben, pechouse cun 5% de caída de descargas e un 10% menos de facturación. Son datos provisionais e sempre que se baixa doe, pero vendo o resto das actividades económicas, a pesca non foi quen peor resultado tivo. Aguantou bastante ben.

Imos regular a pesca en portos sinalizando zonas para non interferir cos profesionais; a maioría dos pescadores cumpren

E resistirá un 2021 similar?
Creo que aprendemos moitas leccións que nos poden axudar para ter un 2021 con mellores perspectivas. Por exemplo, logramos dixitalizar 25 lonxas e hoxe hai moita máis venda telemática.

Aspira a pesca galega a fondos Next Generation da UE?
Si. Temos un proxecto de valorización da cuncha do mexillón e subprodutos das algas, outro sobre sustentabilidade na pesca e a transformación, un sobre a recuperación dos bancos marisqueiros a través de minicriadoiros e tamén traballamos noutro sobre o hidróxeno como novo combustible tanto para barcos como para transformación. Ás veces é difícil deseñar proxectos cando non sabes as directrices da convocatoria, pero o importante é ter as ideas.

Galicia ten singuaridades como unha enorme frota artesanal. Nun mundo no que outros sectores camiñan cara a concentración en grandes empresas, ten futuro esta frota a pequena escala?
Na pesca esa dinámica non é igual. A UE é sensible coa frota artesanal, alomenos no discurso, e sempre quere darlle prioridade. En Galicia son 3.820 das 4.000 embarcacións que temos.

Hai unha parte da poboación que é moi pouco peixeira, os chamados millenials

Como está a reforma do regulamento de Costas que afecta centos de empresas galegas?
O Goberno central modificou nun primeiro momento o regulamento de Costas, o que xerou gran ruído no sector. Nós propuxemos crear unha mesa de traballo onde se representasen todos os intereses para analizar os cambios e o ministerio comprometeuse a facelo. Pero de súpeto, en plena pandemia, aparece no Congreso o anteproxecto da lei de cambio climático de dentro do mesmo introducen un artigo que inclúe as reformas de Costas. Agora está no periodo de emendas, que segue aberto. Coa lexislación en vigor as empresas teñen seguridade, pero hai incerteza sobre cara a onde nos quere levar o Goberno.

A Xunta deseñou unha lei de acuicultura e retirouna antes de aprobarse en 2016. Volverá intentalo?
Na consellería nunca pechamos a porta a facer esa lexislación. O desenvolvemento da acuicultura e da pesca silvestre é compatible, porque a acuicultura ocúpase de especies de alto valor comercial que non abundan no medio natural. Galicia reúne os requisitos técnicos e climatolóxicos para poder desenvolver a acuicultura e se nós non o facemos, farano outros países. Así que é mellor que levemos a dianteira. Eu falo co sector e gustaríame que eles mesmos se animen a facer as achegas para unha futura lei de acuicultura.

Galicia ten condicións climatolóxicas e técnicas para a actividade e se non a desenvolvemos nós vano facer outros

Xurdiu unha polémica coa pesca deportiva nos peiraos. Prohibirase ou permitirase?
Hai un grupo de traballo creado entre Portos e as federacións de pesca deportiva. Todos coincidimos na necesidade de permitir o acceso de afeccionados aos portos pero en determinadas condicións, porque o que non podes facer é dificultar a actividade profesional. A inmensa maioría dos pescadores deportivos actúa ben pero hai algúns que, como sempre, dificultan a actividade, polo que é necesario chegar a un acordo para regulalo. Pensamos na posibilidade de, naqueles portos máis conflitivos, localizar e sinalizar as zonas desde as que se pode pescar para que non interfiran cos profesionais. Non podemos boicotear a pesca profesional por un deporte, pero tampoco podemos esquecer que hai moitísima xente que practica o deporte sen interferir cos profesionais. Chegaremos a un acordo.

Como vai o consumo de peixe?
Non aumentou. Aquí en Galicia está ben, cunha media máis alta que o resto de España e incluso Europa, pero hai unha determinada capa poboacional que é moi pouco peixeira, os chamados millenials. Por iso estamos facendo esforzos para incrementar o consumo, como a campaña ‘Vai de peixe’. Ao cambiar o estilo de vida, onde todos estamos cada vez menos tempo na casa, pérdese esa tradición de comer peixe.

Comentarios