Jesús Asorey, portavoz da Aga

"As perdas na apicultura chegan ao 40% e a xente está abandonando"

Un dos ámbitos máis prexudicados pola vespa velutina é a apicultura, pois as abellas son un dos seus alimentos. Desde Aga piden máis investigación e medidas eficaces contra a praga e alertan que se segue avanzando como ata o de agora, o futuro do sector podería estar en risco
Jesús Asorey. EP
photo_camera Jesús Asorey. EP

Tras catro décadas de experiencia no mundo das abellas Jesús Asorey, portavoz da Asociación Galega de Apicultura, sinala que a velutina é a praga máis espectacular á que se tivo que enfrontar. Indica que a produción nas colmeas reduciuse á metade nos últimos anos e a xente está abandonando ao sentirse "desbordada". Pide máis implicación das administracións e alerta de que é un problema global, que se non se atalla axiña terá graves consecuencias para o medio ambiente, o ecosistema e a propia poboación.

Desde que chegaron no 2012 as velutinas avanzaron a un ritmo imparable en Galicia. É a peor praga á que se enfrontou o sector?

A máis espectacular seguro, a peor aínda é pronto para sabelo. Cando en 1984 chegou de Asia o ácaro varroa houbo unha grande crise, matou moitas colmeas. No ano 1994 vivimos outro momento difícil por culpa dos pesticidas neonicotinoides. No 2012 chegou a velutina como outra grande praga á que hai que engadirlle o cambio climático, os dous factores convertéronse nun cóctel explosivo. Cando me iniciei no sector hai 40 anos había un 10% de mortandade de abellas e na actualidade estamos case nun 40%. Pasamos de 22 quilos de producción por colmea no 1998 aos 10 quilos do 2018.

Que provincias son as más afectadas?

Case toda A Coruña, Pontevedra e Lugo, sobre todo na zona da Mariña. Líbrase un pouco Ourense e as montañas lucenses. Sen embargo, hai que ter en conta que todos os concellos galegos en maior ou menor medida están afectados. A presenza é moito máis alta na Galicia costeira e nas marxes dos ríos, e afecta menos no interior, pero chegan xa a todas partes. É unha praga que vai pouco a pouco, pero medra sen control.

Chegaron para quedarse?

Totalmente, non sabemos en que momento poderemos convivir con elas nin a que prezo, pero iso será unha realidade. Extinguilas xa é imposible e non podemos quedarnos de brazos cruzados.

As velutinas chegaron para quedarse, non é posible extinguilas. Temos que convivir con elas, pero non sabemos a que prezo

Como está sendo este ano o ciclo reprodutor dos insectos?

O ciclo está vinculado directamente ao cambio climático, que está sendo unha montaña rusa. Por iso as velutinas este ano retrasáronse un pouco en chegar, pero desde finais de xullo xa están en plena actividade.

No 2018 os niños eran máis pequenos e próximos ás casas pola primavera húmida, como está sendo este 2019?

O tamaño dos niños cando mellor se verá será en setembro, porque agora mesmo están medrando moitos, son secundarios e cada vez máis grandes, pero non chegaron ao máximo de crecemento. Sen embargo, polo que estamos vendo parece que serán bastante grandes este ano. Aínda falta por chegar o peor, que é a creación dos nidos secundarios.

Que previsión teñen?

Agora mesmo están en plena reprodución, as raíñas poñen moitos ovos e nacen moitas obreiras, nalgúns casos ata 18.000. Efectivamente o peor está por vir porque o máximo apoxeo é este mes de agosto. Esto vai a máis todos os anos, é incontrolable. As velutinas son un problema real para os apicultores.

Teñen cifras das perdas que esta praga supuxo para o sector?

Valórase en torno a un 30 e un 40%, unhas perdas económicas irreparables ao que hai que engadirlle a xente que abandona porque se sinte desbordada.

Cantas colmeas se perderon en Galicia a raíz da praga?

Son case imposibles de contabilizar, hai que ter en conta que só na zona da costa nestes cinco anos as velutinas arrasaron máis de 30.000 colmeas. E non só afecta ás que devoran, pois ao haber este insecto preto as abellas cambian o seu comportamento, vólvense defensivas, encláustranse na colmea e non saen.

Están funcionando os sistemas de trampeo?

Cóllense moitas raíñas, e esas temos claro que non van facer niños. Pero a porcentaxe das que se collen é ínfima en relación coas que hai. Non obstante, os sistemas están sendo bastante efectivos para o seu cometido. Logo están aparecendo outros aliados naturais como é o caso do abelleiro, un falcón que se alimenta das velutinas e ataca os niños. Tamén se está ensaiando con feromonas sexuais de confusión para que os machos non fecunden ás raíñas; con outras de alarma para que as velutinas non se acheguen ás abellas; e con parásitos autóctonos, virus e bacterias. Hai moitas ideas, pero falta a investigación para poñelas en práctica.

Os niños que se ven supoñen o 20% dos que realmente hai, polo que en Galicia teriamos máis de 100.000

Hai sistemas de todo tipo, incluso se propuxo tirotear aos niños...

Tirotealos, queimalos, envelenalos... ideas moitas, pero todo é arredor do problema, pois os niños que se ven son unha ínfima parte dos que hai. A eficacia dunha loita baseada na eliminación é rudimentaria. Habería que poñer en práctica outras loitas preventivas e de defensa das colmeas. Esta praga supón un problema non só para os apicultores, é grave para o medio ambiente, o ecosistema e a propia poboación, recordemos que xa faleceron varias persoas por picaduras.

Que se está facendo mal para non lograr acabar con este insecto?

En primeiro lugar sería necesario traballar con datos reais e non con estimacións, porque a día de hoxe aínda non sabemos a que nos enfrontamos. Según os datos da Xunta o pasado ano retiráronse uns 25.000 niños en toda Galicia, e as previsións para este ano non son moito mellores. O problema é que a administración basea a loita nos enxames que se capturan, pero, cantos quedan sen eliminar? Non o sabemos. Segundo un estudo francés estímase que os que vemos supoñen unicamente o 10-20% dos que realmente hai, polo que poderiamos afirmar que en Galicia hai máis de 100.000 niños.

A que situación poderiamos chegar?

Na actualidade ten una evolución exponencial creciente e as perspectivas son moi malas. Seguindo a este ritmo o sector apícola podería estar en risco. Non obstante, a evolución definitiva non se pode saber posto que a natureza é impredecible. Hai que ter en conta que é un problema global, e as administracións deberían de poñerse a traballar con forza. Desde Aga solicitamos varias reunións coa Xunta e nin nos responderon, o que demostra que non teñen interese no tema ou non saben que facer. Deberiamos remar todos no mesmo sentido.

"O veleno da velutina é similar ao da vespa común, pero cada niño pode ter 18.000 obreiras"
Que debe facer un particular se atopa un niño de velutina?
Si se detecta un niño, non se recomenda achegarse moito a el e deben de comunicarlo canto antes ao servizo de Atención e Información á Cidadanía, o número 012. Hai que ter en conta que cada niño pode ter entre 15.000 e 18.000 obreiras.

Como se distinguen os niños de velutina dos da vespa autóctona?
O de velutina está máis alto nas árbores e soe ser de gran tamaño. Con forma de pera, poden medir un metro de alto por 80 centímetros de ancho, ou incluso máis. Cómpre sinalar que as vespas asiáticas don negras e con patas amarelas no seu extremo.

Que risco supoñen para a xente?
A composición do seu veleno é practicamente igual ao das vespas autóctonas, o problema soe ser que fan os niños en sitios dispersos, preto dos ríos ou en zonas urbanas o que incrementa o risco de picaduras para a poboación.

Comentarios