Pepe Solla será o pregoeiro do Cocido de Lalín

A figura do chef de Poio servirá para poñer en valor a hostelería galega nun ano no que atravesou tantas dificultades
Pepe Solla. JAVIER CERVERA- MERCADILLO
photo_camera Pepe Solla. JAVIER CERVERA- MERCADILLO

O alcalde de Lalín, José Crespo, anunciou este xoves que o pregoeiro da LIII Feira do Cocido, que se celebra a fin de semana do 25 e o 26 deste messerá o cociñeiro polo poiense Pepe Solla, cuxo restaurante, Casa Solla, conta cunha estrela michelín e tres soles na Guía Repsol.

O seu pai, o falecido José González Solla, será, á súa vez homenaxeado, nun sinxelo acto despois do pregón no que estará presente a súa viúva.

Membro fundador do Grupo Nove de destacados cociñeiros galegos é xefe de cociña e actual responsable de Casa Solla. Presenta o programa Pescados e Marisco de Canal Cocina e xunto a Paco Roncero e Marcos Morán dirixe o proxecto Sinergias que xestiona varios espazos gastronómicos como La Batea, A mordiscos, Castizo, Entrecortes y De Cuchara.

Crespo recoñece ao chef de Poio como "unha das figuras máis destacadas da gastronomía galega nos últimos anos e un dos chef que abandeirou a modernización da cocida galega mantendo a simbiose entre o magnífico produto galego e unha cociña atractiva e actualizada". Dada a súa dimensión mediática e a súa capacidade de comunicación "é a figura idónea para pregoar as excelencias o Cocido que en máis de unha vez se encargou de glosar e que defendeu como un exemplo de cociña que pon en valor os produtos tradicionais e de primeira calidade galegos", explica o alcalde.

POSTA EN VALOR DO SECTOR DA HOSTALERÍA. Co convite para pregoar o Cocido a un dos grandes cociñeiros galegos, Crespo tamén quixo "poñer en valor ao sector da hostalería e a restauración que tan mal o pasou na pandemia por ter que pechar os seus negocios e aguantar os seus establecementos con restricións que dificultaron o seu traballo e aínda así foron quen de reinventarse e axustarse aos tempos que viña mal dados". 

O rexedor agradeceu a aceptación do convite por parte de Solla que, "aínda tendo citas ineludibles lonxe de Lalín, decidiu estar na capital dezá dándolle brillo a un prato que tanto defendeu e que tanto apoio o seu pai".

O primeiro edil lalinense suma deste xeito á nómina de pregoeiros a un primeiro espada dos fogóns galegos e cun importante protagonismo na gastronomía nacional que se engade a figuras como as de Jordi Cruz, Javier Olleros ou Eneko Atxa e Elena Arzak, que aparellaron este ano o seu nome ao do Cocido nun capítulo especial da Encomenda do Cocido que sumou nove grandes cociñeiros.

EVENTOS DA FEIRA DO COCIDO.  As actividades da Feira do Cocido celebraranse na carpa do Campo da Feira con aforo controlado, todos sentados e con entradas e saídas separadas. A primeira delas será xa o xoves 23 coa actuación de Roi Casal ás 21:00 horas.

O venres ás 18.30 horas terá lugar un showcooking que realizarán Alejandro Iglesias de Restaurante Cabanas e Iván Méndez. E ás 22:30 horas será o turno do grupo galego Luar na Lubre.

O sábado, a carpa do campo da feira acollerá o Lalín D-Fest con actuacións como as de Delaporte, Delafé, Verto, Ale e Rapariga Dj cun prezo de 16 euros na plataforma wegow.com ou 10 euros para os empadroados na recepción do Concello de Lalín.

Xa o domingo, ás 11.00 horas actuará a Banda de Gaitas e bailes Coribantes, ás 12:30 horas será o pregón de Pepe Solla e a homenaxe a José González Solla e ás 13.00 horas será o turno do concerto de Susana Seivane.

Comentarios