Pedro Puy: ''Confío en ter que facer moitos cambios no grupo do PPdeG tras o 22-M''

Leva un mes á fronte do grupo parlamentario popular e considera que os seus compañeiros póñenlle “moi fácil” o seu labor. Agora quedan xornadas de mitineo e intensidade parlamentaria.

PREGUNTA: ¿Que balance fai destas primeiras semanas?
RESPOSTA: Son semanas axitadas porque a dinámica parlamentaria está sendo moi intensa debido, entre outras cousas, á proximidade das eleccións locais. Do grupo, un non pode máis que louvalo, porque son xente responsable que fan realmente fácil ser portavoz.

P:¿Calcula ter que aplicar unha ampla remodelación tras o 22-M?
R: Confío en que haxa que facer moitos cambios e, nese caso, sentirémolo pola parte que nos toca e poñerémonos contentos pola parte que lle toca aos veciños que os elixen alcaldes. Iremos vendo.

P: ¿Como senta que sempre se refiran a vostede como a cara amable e disposta a consensos do PP?
R: En política hai dous niveis: o das accións que trascenden do tempo dunha lexislatura e que demandan acordos amplos, e outro nivel no que ten que haber políticas alternativas que implican confrontación de ideas. Nos temas que son de país considero que é bo que haxa acordos que dean estabilidade, e deberían quedar á marxe de cuestións electorais.

P: ¿Como ve á oposición?
R: Nós atopámonos cunha dificultade adicional para chegar a acordos: a forma de facer oposición do PSOE coa súa filosofía de non dar tregua. Eu non son quen para xulgar as decisións ou estratexias doutros grupos, pero a verdade é que hai un grupo —o BNG— co que se atopa consenso pese ás discrepancias coa acción do Goberno; e outro co que é máis difícil.

P: ¿O programa-marco do PPdeG leva a súa firma. Como se planifica para 315 concellos distintos?
R: Hai liñas de actuación que teñen que seguir todos os alcaldes do PP de compromiso co bo goberno, coa austeridade e a transparencia con independencia de onde sexan; en liñas xerais hai un acordo amplo.

P: ¿Como ve os efectos na precampaña da reforma electoral?
R: A orientación da normativa é boa, porque se pretende poñer coto aos gastos excesivos dos partidos e aos abusos de quen pode facer campaña desde postos de responsabilidade. Como todo o que se aplica por primeira vez hai que ver como vai, hai moitas persoas confusas.

P: ¿Como membro destacado do lexislativo, como ve que o PP use o topónimo non oficial ‘La Coruña’?
R: Os compañeiros do PP da Coruña e moitos cidadáns coruñeses, tamén do PSOE, poden facer esa demanda; agora ben, no Parlamento non temos pensado introducir ningunha modificación da lei.

P: ¿E a supresión do voto emigrante?
R: Non ten por qué ser un lastre se miramos os antecedentes próximos, como as autonómicas.

P: O BNG critica que o resto de forzas leven imputados nas listas. ¿Como se entende iso mentres se chama á rexeneración democrática?
R: Como o BNG ten moi poucos alcaldes, é difícil que os teña... Hai que poñer as cousas na súa proporción: probablemente ese problema téñeno aquelas forzas que gobernan, e o PP ten 106 alcaldes e estamos falando de cinco casos. As designacións fanas a nivel local os que coñecen as situacións concretas e teñen elementos de xuízo para saber se a imputación ten fundamento ou, como ocorre moitas veces, parte dunha denuncia política que queda en nada. Habería que analizar quen inicia as denuncias, xa que ás veces póñense penas de telexornal.

P: ¿Con que expectativas encara a cita do 22 de maio?
R: As municipais son primariamente para elixir aos representantes locais pero tamén teñen lecturas que van máis alá. Son as primeiras que temos despois de que o Goberno socialista, presionado por Bruxelas, mudara o que viña facendo; polo que é importante que estas eleccións sirvan como demostración de que a xente demanda un cambio de políticas.

“DIRIXIMO ILUSTRADO”

P: O discurso da austeridade contrasta coas habituais promesas das campañas...
R: Aí imos ter a medida de cada candidato, e cando os do PP presentan proxectos —especialmente nas grandes cidades— tamén falan de como se van financiar. Nestes tempos onde todas as administracións teñen un orzamento moi ríxido e decrecente non se pode andar ofertando cousas que non se van poder facer. Os cidadáns saben cal é a situación.

P: E nesa liña de austeridade, ¿non habería que reabrir o debate sobre a fusión de concellos?
R: O debate que temos que abrir, sen lugar a dúbidas, é o de como podemos xestionar mellor os recursos, o que pode levar co tempo a unha remodelación da planta municipal. Pero tamén é certo que plantear fusións cando os propios cidadáns non as demandan a curto prazo sería un exercicio de dirixismo ilustrado. Hai mecanismos que permiten gañar eficiencia como é a cooperación supramunicipal, que é unha das nosas apostas firmes.

Comentarios