
O pasado domingo mentres unha bañista paseaba pola praia de Coira, en Portosín, caeulle do ceo unha desagradable sorpresa: un parapente chocou contra a súa cabeza e provocoulle unha contusión. Ata o lugar desprazouse unha ambulancia que trasladou á vítima ata o Hospital de Santiago, onde foi atendida por unha brecha na cabeza.
O piloto implicado no suceso posuía seguro de responsabilidade civil e respondeu polo sucedido, mentres que a Federación Galega de Deportes Aéreos asegurou que existe unha normativa de seguridade estrita sobre estas actividades. Con todo, e aínda que o ocorrido quedou nun pequeno susto, a vítima solicita que se amplíen as distancias entre os bañistas e os deportistas posto que Coira é un lugar onde é habitual practicar este tipo de deporte.