jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

ANA PONTÓN

Pontón: "Este país coñécenos e pode confiar en nós; imos pola Xunta en 2024"

PONTON3
Ana Pontón. PEPE FERRÍN

Reforzada na asemblea cun 99% do apoio interno e con boas enquisas e mellores sensacións, a líder  nacionalista enfila o camiño que a leve á Xunta en 2024, que pasa por ensanchar a base social. E iso lógrase mantendo a liña destes cinco anos, porque "se algo funciona non se toca"

Vostede estivo en 2012 en Amio e na asemblea do domingo na Coruña. Menudo cambio, non?

Creo que esta asemblea marca con claridade un novo ciclo onde se viu que hai entusiasmo, forza e unha militancia e uns simpatizantes que queren ir a por todas e consolidar unha organización que lle vai disputar a hexemonía ao PP. Imos facer historia coa primeira presidencia da Xunta do BNG. 

Como se fai un novo BNG sen cambiar a líder nin a dirección?

Nós xa fixemos unha renovación e unha reflexión fonda hai cinco anos. Eu son das que cre que se algo funciona non se toca e esta dirección demostrou a súa capacidade para ler o que estaba pasando na sociedade galega e para axustar ben as mensaxes e a acción política. A executiva refórzase con novas incoporacións, pero sería un erro estar centrifugando o capital político desta organización. Estamos nun novo ciclo porque aí nos situou a cidadanía ao impulsarnos como segunda forza no Parlamento e alternativa real ao PP.

O PP di que son o mesmo lobo pero con pel de año. 

Que o PP falase ben de nós sería o raro! O que lles preocupa a eles é que cada vez máis cidadanía apoia ao Bloque e no 2020 moveuse o taboleiro e abriuse un ciclo no que o BNG ten opcións de chegar á Xunta. Os galegos danse de conta de que despois destes anos de Goberno da Xunta, Galiza non está mellor: empeoramos na industria, no emprego, marcharon 200.000 mozos, continúa a falta de alternativas para o rural... Esa percepción medra cada día e a nós fortalécenos ter un proxecto unido, cohesionado e con ideas. 

Nacionalismo, soberanismo, independentismo... Son conceptos diferentes que moitas veces se confunden. Con cal queda?

Quedo co nacionalismo, que é o que levamos nas siglas e o que nos define a todos os que apostamos polo Bloque. Significa defender que somos unha nación e ter ferramentas propias para dar solución aos nosos problemas, porque canto máis decidamos aquí e menos en Madrid mellor nos irá. Decidir sobre a nosa enerxía, os nosos intereses en Bruxelas ou ter a chave dos nosos cartos é algo que conecta cada vez con máis galegos fartos de ver como cada vez que deciden por nós, Galiza perde. 

Sorprendeuna este debate aberto sobre o independentismo?

Eu creo que o BNG sempre se definiu como nacionalista e estamos onde estabamos. Logo os medios que informen como consideren. 

Sostén que en Galiza hai moita conciencia e sensibilidade nacional e que hai que convertela agora en forza electoral. Como se fai iso?

Perseverando nunha liña que nos está permitindo conectar cos galegos; deixando claro que cando falamos de soberanía e de decidir sobre o noso falamos das cousas de comer; e sobre todo escoitando moito a cidadanía deste país para aprender dela. De feito un dos retos saído desta asemblea é ampliar a nosa base chegando a todos os recunchos e sectores. 

"Somos nacionalistas e defendemos decidir aquí sobre as cousas de comer, porque se o fan por nós en Madrid perdemos"

Cre que hai fases da historia do BNG nas que puido asustar o electorado galego co seu discurso?

Non sei se pasou iso ou non, sei que houbo momentos peores e mellores; pero tamén que o importante é mirar para adiante e disputarlle a hexemonía ao PP. O BNG é hoxe máis sólido e forte e vai a pola maioría social para lograr a presidencia da Xunta. Neste país coñécennos e poden confiar en nós, porque temos moitos exemplos da transformación que supuxeron os nosos proxectos municipais. En Lugo houbo un antes e un despois e demostramos que onde está o BNG márcase a diferenza cunha transformación en positivo que mellora a calidade de vida e pon as persoas no centro.

Ve un votante do PPdeG capaz de xirar cara ao BNG?

Os votos non son dos partidos, son das persoas. E sobre a base dese sentimento de país temos unha potencialidade enorme para chegar á inmensa maioría dos galegos e ese é o obxectivo polo que temos que traballar. 

Por que este é o BNG do si? 

Porque é un BNG que fai propostas e ante cada crítica damos unha alternativa. O do non é o PP, que di non á tarifa eléctrica galega, non á mellora da sanidade pública, non a medidas para a mocidade... Temos o PP máis ultra de toda a historia e acabamos de velo na súa convención de Valencia ou coa designación para o Constitucional dun maxistrado inmerso en casos de corrupción. E que PSOE e Unidas Podemos avalen ese nomeamento é grave, porque non están tragando eles un sapo senón que llo fan tragar á cidadanía e asentan o peor do réxime do 78. 

Di que ve o PP nervioso. 

Moitísimo! Levamos un ano de pandemia con campañas do PPdeG para desprestixiar ao BNG, á súa portavoz e facerlle oposición á oposición. O único que demostra é a súa obsesión cun BNG que saben que pode construír unha alternativa real para a Xunta. 

En Galiza é necesario o entendemento co PSdeG. Facilitará o perfil de Formoso ese camiño? 

Somos dúas forzas distintas pero cunha ampla cultura de coalición, que é un instrumento eficaz en democracia. Veremos o que pasa. Sobre as persoas o que mellor falan son os feitos. Pero eu sempre fun respectuosa coas decisións doutras forzas políticas.  

"Tivemos experiencias recentes en Galiza dese tipo de plataformas cun resultado que a xente deixou claro nas urnas"

Ten o obxectivo posto en 2024. Pode a emerxencia de Yolanda Díaz alterar o taboleiro galego?

É lexítimo que haxa forzas que reformulen eses espazos pero en todo caso en Galiza tivemos experiencias recentes dese tipo de plataformas cun resultado que a xente deixou claro nas urnas.

Quere presidir a Xunta. Que medidas tomaría hoxe se puidera?

Reforzaría a sanidade pública e a atención aos maiores deixaría de ser un negocio; faría política para xente nova e feminista; e apostaría pola ciencia e a innovación.

Pontón: "Este país coñécenos e pode confiar en nós; imos pola Xunta...
Comentarios