Os produtores alertan de que o prezo do leite non subirá en Galicia

Galicia é a única comunidade galega na que o prezo do leite non se incrementa de toda España, asegurou o secretario xeral da Federación de Empresarios Productores de Lácteos (Feplac), Manuel Bouzas, que o achacou aos "acordos alcanzados na chamada Mesa do Leite".

Nunha roda de prensa na que tamén participaron o presidente de Afriga, Juan Novo, e o de Prolec-Galicia, José Carlos Veiga, explicaron que "están chegando ás explotacións inspectores das industrias cunha fotocopia do DOG, na que se amparan para comunicar aos productores que teñen que baixar o prezo da materia prima polos acordos alcanzados na mesa".

Estes 3 colectivos denunciaron que non está representado na Mesa todo o sector produtor, só os tres sindicatos agrarios, mentres que quedan fóra organizacións como Prolec, Feplac e Afriga, malia que "concentran un 35 por cento da cota láctea galega", precisou.

Non é rendible
Pola súa banda, Juan Novo recordou que os ganaderos están cobrando o leite a unha media de 0,28 euros por quilo, unha peseta menos que no resto de España, mentres que un estudo das propias industrias recoñece que non é rendible producir por menos de 0,33 euros por quilo.

De feito, onte coñecíase o censo de vacas de Galicia, que daba como resultado 400.000, 40.000 menos ca o ano pasado. Ademais, de cada 10 vacas menos que hai en España, 4 perdéronse nas explotacións galegas. Aínda así, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Edelmiro López, defendeu que os prezos están a mellorar dende a posta en funcionamento da Mesa do Leite, e que a diferencia co resto de España está disminuír.

Comentarios