Os pisos novos soben un 4% en Galicia en 2007

Os pisos novos seguen a encarecerse en Galicia (Foto: Marcos Ferro)
photo_camera Os pisos novos seguen a encarecerse en Galicia (Foto: Marcos Ferro)

O prezo da vivenda nova segue a subir en Galicia, pero confírmase unha desaceleración progresiva, segundo o informe da empresa Sociedad de Tasación S.A, elaborado sobre 400 concellos do Estados.

A suba media rexistrada en Galicia no último semestre sitúase no 4% o que parece confirmar a previsión de que no 2.007 o incremento do prezo da vivenda será moi similar ó IPC, cando hai un ano aínda estaba por riba do 10%.

Cidades galegas
A Coruña segue sendo o lugar máis caro de Galicia para mercar un piso novo, cun prezo medio de 1.994€ por metro cadrado. A moi escasa distancia sitúanse os inmobles novos vigueses, con media de 1.970€ por metro cadrado.

Nun segundo grupo, situándose na franxa dos 1.700€ por metro cadrado, están Santiago (1759€) e Ourense (1.703). Hai que salientar que a capital ourensá foi a cidade galega na que máis subiu a vivenda nova no último semestre.

Xa bordeando ou baixando do nivel 1.500€ por metro cadrado, sitúanse Lugo 1.503€) e Pontevedra (1.462€) que é a capital de provincia máis barata. Pechando o ranking galego, Ferrol segue a ser a cidade máis económica a este respecto, pois un comprador terá que abonar unha media de 1.371€ por metro cadrado.

Máis baratos que a media
Galicia, cun prezo medio 1.681€ por metro cadrado sitúase a máis de 1.000€ da media española.
As cidades máis caras seguen a ser Barcelona, San Sebastián e Madrid, con medios superiores ós 4.000€

O estudio de Sociedad de Tasación S.A. realizouse  sobre un total de 400 concellos, analizando as 50 capitais de provincia, 21 cidades de máis de 100.000 habitantes, 50 con máis de 50.000 e 73 vilas cunha poboación superior a 25.000 habitantes.

Comentarios