Os pactos de goberno polas cidades, atascados en Lugo, Ourense e Pontevedra

Os pactos entre nacionalistas e socialistas están a seguir camiños moi distintos nas sete cidades galegas. Algúns só tiveron que esperar á firma dos líderes en Santiago para chegar a un acordo, mentres que outros comezan a ver as dificultades de compartir goberno.

Acordos sinxelos

Na Coruña, a cidade máis temida polos socialistas para pactar, as negociacións avanzan a bo ritmo. Despois da primeira reunión entre o 'alcaldable' do PSdeG, Javier Losada, e o portavoz do Bloque, Enrique Tello, que ambos consideraron como "larga, fructífera, e intensa", os dous políticos definiron un borrador que "servirá de punto de partida para futuras negociacións".

Losada tampouco descarta, chegado o caso, gobernar en minoría con apoios puntuais do PP. De feito, declarou que esta opción non supón saltarse o acordo marco, xa que este "impulsa" coalicións cos nacionalistas, non "obriga" a formar necesariamente gobernos bipartitos. Velaí a importancia dos matices.

En Ferrol xa está decidido que o PSdeG e Esquerda Unida gobernen xuntos. A quinta xuntanza entre os líderes locais de ambos partidos, Vicente Irisarri e Yolanda Díaz, deu os seus froitos en hora e media. Os termos do acordo ó que chegaron daranse a coñecer o xoves, cando o BNG decida se vai participar no goberno de Ferrol ou se quedará na oposición.

Irisarri e Díaz pasáronlle unha proposta ós nacionalistas, que decidirán nunha asemblea de militantes se a aceptan ou a rexeitan. Mentres tanto, do acordo só transcendeu que o goberno se estruturará en seis grandes áreas, das que catro serán responsabilidade do PSdeG e dúas de IU.

Non hai aínda novidades en Vigo e en Santiago, se ben se da por feito que nas dúas cidades o pacto entre PSdeG e BNG é inevitable. Bugallo e Rego xa teñen dúas lexislaturas compartidas ás súas costas, e en Vigo parece que aprenderon que se non hai acordo, o PP de Corina Porro enseguida vai ó quite e aumenta a súa popularidade a costa das súas discordias.

Arduas negociacións

En Lugo preferiron a correspondencia epistolar. O nacionalista Anxo Lage decidiu non acudir á reunión con José López Orozco, porque se celebraba en terreo "non neutral". Lage argumentou que a decisión de reunirse no despacho do alcalde foi imposta por Orozco nun "tic" propio de moitos anos de maioría absoluta, "pero as imposicións remataron o día 27".

Tras este acto, que alcalde en funcións considerou unha "falta de cortesía" cos ós cidadáns, os dous candidatos enviáronse misivas para acordar un novo punto de reunión, mentres se lembraban mutuamente que os seus móbiles estaban acesos.

En Ourense tampouco están mellor encamiñadas as conversas entre os candidatos. De feito están ben peor, ata o punto de que hoxe moitos membros do BNG deixaron entrever a posibilidade de non prestar o seu apoio a Francisco Rodríguez na toma de posesión, e favorecer así que o PP goberne en minoría. Os nacionalistas cualificaron de "ridículo" o reparto de concellerías que lles propuxo o PSdeG, na que lles quedarían os postos de Cultura e Festas, Deportes, Sanidade e Normalización Lingüística.

Neste momento, no BNG ourensán preparan unha proposta que reflicta as súas aspiracións. Mentres, as negociacións están detidas.

Na cidade de Pontevedra, tamén lle toca ó BNG mover ficha. Pero neste caso é o nacionalista Miguel Fernández Lores o que ten dificultades para renovar a alcaldía. O PSdeG decidiu botar a casa pola ventá e presentarlle un ultimátum en forma de proposta ó alcalde en funcións. "Nos xa dixemos todo o que temos que dicir", afirmou a cabeza de lista do PSdeG, Teresa Casal, e engadiu "temos máis cousas que facer, e non imos estar dando voltas ó muíño por nada".

Lores, pola súa parte, insistiu en que "non houbo variacións sustanciais" con respecto a anteriores negociacións, só que "o PSOE terá que asumir máis responsabilidades porque logrou unha maior representación, e iso é o que estamos negociando agora".

Comentarios