Os novos desafíos da industria da morte

O arraigo dunha forte cultura da morte de Galicia propiciou o ecosistema ideal para o florecemento dunha gran industria fúnebre . A calidade dos ataúdes galegos, os altos custos de transporte e as preferencias persoais de cada cliente permiten que por agora o sector aínda goce de boa saúde. Só en Galicia contabilizánse preto de 30 empresas dedicadas a fabricación de ataúdes, cunha facturación de 8,5 millóns de euros e que dan emrego a case 250 persoas.

A provincia de Ourense é, xunto ao Levante e Andalucía, o principal viveiro da fabricación de ataúdes. As zonas de Piñor, Cea e Ribadavia concentran a maioría destas fábricas. Algunhas non son máis ca pequenos talleres artesanais, pero unhas poucas si contan cunha estrutura industrial que lles permite facer fronte a grandes pedidos e exportar a outras comunidades parte da súa produción.

Tempos mellores

A través dunha ampla rede de distribuidores, Fillos de Luís Chao Sobrino S.A reparte os féretros por toda España. Entre a súa nómina de clientes destaca unha das principais funerarias de Madrid. Pero a empresa de O Ribeiro chegou a exportar na década dos sesenta “moitos miles de ataúdes a Guinea e a Méjico”, que saían todos os meses do porto de Vigo, recorda o neto do fundador. Naqueles tempos chegaron a traballar na fábrica máis de 150 persoas, pero a chegada de maquinaria moderna reduciu esta cifra ata os 48 empregados que ten a día de hoxe.


Pese a esta circunstancia, a fábrica de 7.000 metros cadrados continúa sen baixar a garda. A ameaza do mercado asiático tamén afecta a esta actividade tradicional tan emblemática en Galicia e obrigou aos empresarios galegos a poñerse as pilas para non ser engulidos. Igual que noutros sectores coma o da automoción ou o textil, os competidores do xigante asiático teñen unha alta capacidade para adaptarse o mercado e imitar os productos con gran fidelidade. “Xa están entrando en España os ataúdes que elaboran alí”, advirte.

Atención especializada
En Fillos de Luís Chao lembran o esforzo que requeriu o primeiro xogador de baloncesto español que acudiu á NBA, Fernando Martín. Os seus máis de 2 metros de alto saíanse das medidas estándar polo que necesitaron un ataúde XXL, mesmo se están afeitos a atender habitualmente pedidos de Madrid que solicitan féretros de 2,20 metros. Máis estraño foi o caso dunha señora que roldaba os 380 quilos, para a que se fixo “un ataúde descomunal”.

Outro dos acontecementos que necesitou dun traballo extra dos empregados foron os atentados do 11-M. “Chamáronnos a media mañá e ás 20:30 saíu de aquí un camión para Madrid. Ás 3 da mañá xa estaban alí os ataúdes”, recorda o responsable da fábrica, cuxos ataúdes alcanzan no mercado un prezo que vai desde os 500 ata os 3.000 ou 4.000 euros.

O reto da modernización
Por moi tradicional que sexa o sector funerario, non queda fóra dos progresos das novas tecnoloxías. O tanatorio Artabria, en Ferrol, lévase a palma. Os clientes que o desexan poden contratar un crematorio con webcam, que permite contemplar desde calquera punto do planeta esta especie de 'incineracións virtuales'. "Utilizárona as familias de emigrantes que están en Suiza, Italia e ata Venezuela", explican.

Ademais, o sistema funciona a través dunha clave privada que se facilita a cada familia, de modo que o acto mantense como algo íntimo e persoal. "A transmisión córtase cando o cadáver entra no forno", puntualizan. Os clientes poden incluso acceder a un catálogo on-line para enviar unha coroa coas súas condolencias.

O SECTOR FUNERARIO EN GALICIA EN CIFRAS

  • Cada ano morren en Galicia máis de 30.000 persoas
  • Hai 300 funerarias en Galicia, case unha por concello
  • O sector da emprego a 2.500 galegos.
  • O volume de negocio supera os 44 millóns de euros
  • As empresas teñen un carácter eminentemente familiar e de reducidas dimensións

Comentarios