Os brigadistas mobilizaranse outra vez se non se retoma a negociación

Algúns brigadistas ironizaron sobre a roupa de traballo que proporciona Medio Rural (Foto:Otto. AGN)
photo_camera Algúns brigadistas ironizaron sobre a roupa de traballo que proporciona Medio Rural (Foto:Otto. AGN)

Os traballadores do Servizo de Defensa contra Incendios Forestais da Xunta ameazaron con fixar un novo calendario de mobilizacións se a Administración galega non reabre a mesa de negociación para acordar unha mellora das condicións condicións laborais e salariais dos traballadores do colectivo.

Cerca de mil persoas -segundo os convocantes- volveron esixir esta mañá nas rúas da capital de Galicia a dimisión do conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e do director xeral de Montes, Alberte Blanco, na segunda xornada de paro convocada polos sindicatos CC.OO. e CSI-CSIF este mes. Os manifestantes corearon proclamas contra ambos dirixentes do departamento de "Medo Rural", ós que cualificaron de "ditadores" e "mentirosos".

Medidas de presión
"Non conseguimos ningún dos nosos obxectivos, están todos no aire", asegurou Juan Carlos Rivas, voceiro de CSI-CSIF. Na mesma liña, Emilio Doforno, dende CC.OO. asegurou que se esta semana non se obtén unha resposta da xunta "haberá un novo calendario de mobilizacións".

Tamén emprenderán unha recollida de firmas entre o persoal do Servizo contra Incendios Forestais que remitirán a Medio Rural, aínda que Doforno cre que esta acción "non será atendida" dende a consellería.

"A única solución é a negociación", reiterou Doforno, que lembrou que onte se cumpriron 20 meses dende o inicio do conflito derivado da negociación do convenio colectivo.

O portavoz de CSI-SCIF manifestou ademais que "hai que igualar as condicións de traballo coas do resto do persoal laboral da Xunta", a pesar de que Medio Rural "segue sen facer caso". Ambos sindicatos rexeitaron tamén a privatización que, ó seu xuízo, representa a empresa pública Servizos Agrarios Galegos (Seaga)

Comentarios