Olalla Rodil será a cabeza de lista do BNG por Lugo para o 10-N

A deputada no Parlamento galego ocupará o posto que en abril tivo Maite Ferreiro
Consello nacional del BNG
photo_camera Consello nacional del BNG

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou este sábado as dúas novas caras que encabezarán as listas ás eleccións xerais do 10 de novembro: Olalla Rodil pola provincia de Lugo e Francisco García por Ourense. 

Así o anunciou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, despois da celebración do Consello Nacional do partido no que os nacionalistas aprobaron o seu programa electoral e as candidaturas para a repetición electoral, coa que o Bloque busca recuperar a súa presenza no Congreso dos Deputados, que perderon por primeira en decembro de 2015 despois de 20 anos. 

Desta maneira, a deputada no Parlamento Olalla Rodil, natural de Ribeira de Piquín, substituirá á exconcelleira de Lugo Maite Ferreiro, e o histórico do BNG en Allariz Francisco García ocupará o sitio do exdeputado no Pazo do Hórreo Iago Tabarés. 

No caso das outras dúas provincias galegas, as candidaturas mantéñense e un dos 19 de Meirás Néstor Rego repetirá o seu posto na Coruña e a concelleira Carme da Silva fará o propio en Pontevedra. 

Ana Pontón explicou que os cambios que se produciron débense a razóns persoais e o sentido de "responsabilidade política" que alegaron os antigos representantes de Lugo e Ourense.

NOVA OPORTUNIDADE. Tras este anuncio, a portavoz nacional destacou que o 10 de novembro preséntase unha "nova oportunidade" para "recuperar a voz de Galicia en Madrid da man do BNG". Á vez que lamentou a "inutilidade das forzas políticas estatais" para formar un Goberno e a "tristeza" que supón que a Comunidade non estea "nos proxectos, investimentos ou procesos de negociación" que se levaron a cabo entre os partidos negociadores. 

"É unha nova oportunidade para que Galicia recupere a súa voz en Madrid"

Ante esta situación, os nacionalistas afrontan os novos comicios coa expectativa de conseguir representación no Congreso para que que os galegos deixen de estar "ninguneados e discriminados" por un "bipartidismo e baile de siglas" que demostraron "pasotismo" ante a situación dunha Galicia que foi relegada a estar "desaparecida". 

"Vímolo nos debates da moción de censura, nos orzamentos que pactaron PSOE e Podemos, que supuñan o maior recorte de investimentos" para a comunidade "en dez anos", recalcou Pontón nun discurso no que asegurou que "xa está ben de discriminación, ninguneo e tomaduras de pelo a Galicia".

Pontón tamén deixou claro que non formará parte da "alianza galega de forzas progresistas" que propuxo En Marea a semana pasada para presentarse en coalición ás eleccións. A formación que lidera Luis Villares, recordou Pontón, "mantén un contacto fluído" con Compromís e Más Madrid para unha posible confluencia como Más País. 
 

Comentarios