"É unha deslealdade negar que estamos mellor que en 2009"

"O único voto que pode garantir que non haxa un presidente das mareas de Podemos é o do PPdeG"

Alberto Núñez Feijóo non se fía das enquisas que o dan claro gañador o domingo, insiste en que o partido está 0-0 e que o reparto de voto entre cinco forzas é algo novo en Galicia, polo que xera incerteza sobre o resultado final
Alberto Núñez Feijóo (Os Peares, 1961) preside a Xunta desde 2009
photo_camera Alberto Núñez Feijóo (Os Peares, 1961) preside a Xunta desde 2009

É inevitable falar das últimas enquisas que se publicaron xa que todas coinciden unicamente nunha cousa, a súa maioría absoluta. Anima ou supón un risco?

As dúas cousas. Por unha banda anima porque vemos que é posible, pero doutro lado é perigoso porque me lembra as enquisas do Brexit, que reflectían que os ingleses estaban maioritariamente a favor de quedar en Europa, confiáronse e logo gañaron os que non querían quedar. Polo tanto isto anima e é perigoso se non comprendemos que as enquisas simplemente sinalan que o marcador está cero a cero, que é posible a maioría pero de aí a que estea feita hai un longo camiño por percorrer. E ata as once da noite do domingo non é posible que ninguén poida asegurar se haberá maioría suficiente para gobernar ou non.

Rivais
"O coñecemento que hai deles é tan baixo que deben aparecer sempre cunha muleta, chámese Sánchez, Rivera ou Beiras"

Pero sorpréndeo que oito enquisas dadas a coñecer o mesmo día coincidan na maioría do PPdeG?

A maior parte das enquisas nas autonómicas de 2009 dicían que o PPdeG non ía sacar maioría e que o bipartito continuaría na Xunta. Quero lembrar que eran todas excepto unha ou dúas. Eu son perfectamente consciente da situación e sempre poño o símil do Brexit porque eu tamén era dos que cría que os británicos serían europeos e espertamos cunha mala nova para Europa e pésima para os británicos. Eu agardo que Galicia teña mellores novas que os británicos na súa última votación, na que parecía que ía gañar o si e ao final gañou o non. Confío en que en Galicia gañe o si.

Vai rematar a campaña electoral do 25-S. Como a levou?

O certo é que cumprimos os obxectivos dunha campaña que tivo varias partes. Unha primeira na que estivemos centrados en contactar cos ciudadáns a través do noso faladoiro, no que estiven con moita xente coa que compartín moitas cuestións e inquedanzas. E logo unha parte final na que estamos agora centrada en explicar o noso proxecto e o noso programa. E o que si detecto nos actos do PPdeG, alomenos nos que eu participo, é que hai máis xente e máis interese que no ano 2012.

Campaña
"Detecto nos actos do PPdeG, alomenos nos que participo, máis xente e máis interese que en 2012"

Sobre o papel iso é bo.

Pero tamén sei perfectamente que é a primeira vez en Galicia que se vai dividir o voto entre cinco, algo que nunca antes ocorrera. Ben, ocorreu ao principio, durante a Transición, porque había outros partidos en escena; pero xa consolidada a democracia o voto aquí sempre se dividiu entre tres e, nas eleccións de 2012, entre catro. Agora, con Ciudadanos, repartirase entre cinco.

E como se pode traducir iso?

Hai moito voto que, igual que o do PPdeG, busca que non haxa un presidente das mareas de Podemos. Pero se ese voto non se deposita na única opción que pode garantir iso, que é a miña candidatura, o resultado pode ser incerto. Esa división entre cinco o que fai é iso, provocar incerteza. Por iso digo que unha cousa son as enquisas e outra as urnas.

Dous momentos da campaña: praza de touros de Pontevedra no día do seu 55 aniversario e visita a Os Peares. Con cal queda?

O de Pontevedra foi impactante xa que desbordamos todas as previsións, con case 2.000 persoas fóra por falla de aforo e a praza abarrotada. Os Peares é volver ao principio, ao lugar onde aprendín o que é ser galego e amar a Galicia. Foi un momento moi emotivo.

Retos
"Os autónomos serán a nosa prioridade absoluta, igual que parados, sanidade, sector primario, medio ambiente e ensino"

Lévase falado moito de que agocha as siglas do PP na campaña e que evita coincidir con Rajoy para evitar o seu desgaste. É o presidente unha axuda ou un lastre?

Mire, non hai un só galego que non saiba que eu son o candidato do PPdeG. É certo que os outros candidatos hai moita xente que non sabe nin a quen representan nin quen son, pero neste momento isto non ocorre co PP. Eu entendo que á oposición a moleste unha campaña distinta, na que hai un candidato cun nivel de coñecemento do 99%, un presidente do Goberno ao que o coñecen o 99% dos galegos, unha secretaria xeral [Cospedal] cun grao de coñecemento tamén altísimo en comparación ao resto de forzas, cuxos cabezas de cartel coñece menos do 40% da xente. Por iso necesitan ir sempre cunha muleta, presentarse cun señor Pedro Sánchez, un Albert Rivera ou aparecer co señor Beiras ou a señora Colau. Esa é a súa estratexia, pero nós estamos moi contentos coa nosa e eles que continúen coa súa.

Traze as liñas mestras do que fará os vindeiros catro anos se gaña.

Atacaremos o desemprego e baixarémolo como fixemos nos últimos 33 meses. Garantizaremos a remodelación integral de hospitais e centros de saúde; chegaremos a pagar á maioría dos dependentes e seremos a comunidade que máis protexa as familias que queren ter fillos. Faremos un grande esforzo, como fixemos no naval e a automoción, para reforzar o sector forestal, lácteo e primario en xeral, así como o aeronáutico. Os autónomos serán a nosa prioridade absoluta no ámbito económico. Protexeremos o medio ambiente e a paisaxe para que Galicia sexa un lugar ordenado, con calidade nas augas dos ríos e rías. E por último, non esqueceremos que a educación e a cultura son as chaves da liberdade e prosperidade do pobo.

Comentarios