Media Arnoia terá que volver ás urnas

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia obrigará a repetir os comicios municipais nunha das dúas mesas electorais do concello de Arnoia. Segundo o Tribunal, as votacións neste municipio ourensán víronse "afectados por irregularidades".

A mesa na que foron anulados os comicios computou o voto por correo e o do Censo de Residentes Ausentes. Nela foran emitidos o 60% dos sufraxios de todo o concello de Arnoia. Segundo a orde do Tribunal, os comicios terán que repetirse, en data aínda por determinar, nun prazo máximo de tres meses.

Na mesma sentenza do tribunal resólvese o recurso contencioso-electoral que mantiña en vilo a alcaldía de Castrelo de Miño, que finalmente estará presidida polo BNG. O TSXG non admitiu as argumentacións dos Independentes por Castrelo de Miño (IxCM), que solicitaran a anulación dunha papeleta correspondente ao voto emigrante.

O Tribunal doulle a razón ao BNG e considerou válida a polémica papeleta. Deste xeiro, a corporación queda con cinco edís do PP, tres do PSOE e tres do BNG. IxCM non acadan representación no goberno local. Xurxo Rodríguez Méndez, lider da candidatua nacionalista, será o próximo alcalde do concello, ata o de agora gobernado con maioría absoluta polo Partido Popular.

Comentarios