Aprobada la moción del BNG para respetar la toponimia gallega

A Comsión de Cultura do Senado aprobou este xoves a moción do BNG que insta ao Goberno a correxir as deformacións toponímicas que se poden observar nas edicións dixitais oficias de Ministerios como o de Cultura.

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, logrou a unanimidade despois de chegar a un acordo transaccional con todos os grupos parlamentarios da Cámara, xa que non cambiaba os requerimentos dos nacionalistas galegos. O acordo insta ao Goberno a transmitir as directrices precisas a todos os Ministerios e organismos do Estado para que respecten a toponimia galega. Ademáis, insta ao Ministerio de Cultura a correxir as deformacións toponímicas contidas na súa web e a que se actualicen as bases de dados dos organismos públicos neste tema.

Pérez Bouza puxo de manifesto as numerosas ocasións nas que o BNG se dirixiu ao Goberno para demandarlle que correxise a deformación da toponimia de Galicia que se fai desde a Administración Xeral do Estado, que ''incumpre flagrantemente a lexislación lingüística vixente''. ''E a pesar de que nalgunhas ocasións, e grazas á iniciativa do BNG, se correxiron algunhas das deturpacións observadas, o Goberno é teimudo e continúa incurrindo nos mesmos erros'', reprochou Pérez Bouza. Neste sentido, puxo como exemplo a páxina web do Ministerio de Cultura.

En concreto, explicou o senador do BNG, desde a web de Cultura accédese á xanela de Patrimonio Histórico e aí pódese consultar a listaxe de Bens Culturais Protexidos. Na listaxe, puntualizou, ''pódense comprobar auténticas barbaridades'' da toponimia oficial da provincia de Ourense. Mencionou desde o nome da capital 'Orense' en lugar de Ourense, pasando por 'Santuario de Nuestra Señora de las Ermitas', 'Monasterio de San Esteban', 'Claustro del Monasterio de Osera', entre outros moitos. Tamén aludiu á provincia de Pontevedra con ''xoias do tipo: 'Nieves', 'Caldas de Reyes', 'Cotobad', 'Puentecesures', 'Oya', 'Poyo', 'Tuy' ou 'El Bollo'''.

O senador do BNG demandou ''respecto a Galicia e aos galegos por parte da Administración do Estado porque a toponimia forma parte dun pobo'' e advertiu ao Goberno que ''a toponimia é en galego, non valen traducións ao castelán que son auténticas barbaridades''. Neste sentido, apelou ás normas lingüísticas vixentes que deberían ser respectadas. E censurou que organismos como o Ministerio de Cultura que, precisamente, ''deberían ser máis sensibles vulneren de xeito tan alarmante a nosa toponimia''.

Pérez Bouza instou ao Goberno a correxir todas estas deformacións toponímicas e, ademáis, pediu que lle fixese chegar a cada Ministerio, organismos estatais e institucións a listaxe da toponimia oficial de Galicia. Estas foron as dúas demandas contidas na moción do senador do BNG que se votou na sesión da Comisión de Cultura.

Comentarios