O PSdeG desvincula do partido ós edís 'rebeldes'

O incumprimento do "acordo marco" pactado por socialistas e nacionalistas co fin de crear gobernos de coalición naqueles municipios nos que tiñan esta opción deu lugar a diferentes accións para a desvinculación dos protagonistas de tales feitos.

O PSdeG deu lugar ó primeiro paso separando do partido ós dous concelleiros de Pontecesures, Luis Ángel Sabariz Rolán e Alfonso Diz Vilar, que o pasado sábado votaron a favor da independente Maribel Castro, cando deberían ter apoiado ó BNG. Sabariz, nunha entrevista ó xornal dixital 'Vieiros', afirmou que "estaba disposto a renunciar e facilitar o pacto se o facía tamén o cabeza de lista dos nacionalistas".

Esta decisión local rompe a disciplina de partido e o acordo de gobernación establecido entre PSdeG e BNG para os concellos, de aí que a decisión dos socialistas, cuxa secretaría de Organización trasladará ós interesados e ó concello de Pontecesures a decisión da dirección do PSdeG para que ambos sexan inscritos no grupo municipal de non adscritos.

Nunha situación similar atópanse Corcubión, Muros e Porto do Son, aínda que neste caso quen emprenderá os expedientes disciplinarios serán os nacionalistas. Porén, haberá que agardar á próxima semana, xa que aínda que é firme a intención de abrir expedientes, o asunto compete á Executiva Nacional, encargada de activalos. Dáse a circunstancia, ademais, de que esta semana non se reunirá este órgano de dirección do BNG, polo que será a próxima semana cando se leven a cabo estas accións.

Os resultados
Froito dos incumprimentos, os resultados foron dispares. No caso de Pontecesures situouse na alcaldía María Castro, que obtivo nos pasados comicios un único concelleiro e 205 votos. Contou co apoio de tres concelleiros populares e os dous socialistas, que agora o PSdeG desvincula do partido.

En Muros o candidato nacionalista chegou á alcaldía grazas ó PPdeG, cando a lista socialista fora a máis votada. Caso similar foi o de Corcubión, onde o nacionalista contou co apoio do PP. En Porto do Son a abstención do BNG outorgou a alcaldía ós populares.

Comentarios