O PPdeG pide que a Xunta explique a súa política de vivenda

O PPdeG esíxelle á Xunta que expoña as medidas concretas que integran a súa política de vivenda ante o repunte de prezos rexistrado no primeiro semestre do ano. Os populares piden que o  presidente galego "tome cartas no asunto" e demandan que esta mesma semana compareza no Parlamento autonómico a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas.

A portavoz de vivenda do PPdeG, Pilar Rojo, insistiu en que a adquisición dun piso ou casa  representa xa investir o salario de oito anos dunha familia media galega. Logo engadiu os datos do encarecemento do prezo da vivenda, que ascendeu un 7,5% nos seis primeiros meses deste ano segundo datos do Ministerio de Vivenda.

Así, segundo afirma a portavoz popular, este repunte de tipos de interese custaralle 1.000 euros máis a cada cidadán hipotecado que no primeiro semestre de 2006. Tamén engadiu que son xa 11.000 familias galegas as que tiveron que renegociar as condicións da súa hipoteca, citando os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística (INE).

Vivendas de protección oficial
Pilar Rojo tamén lembrou que o BNG e o PSOE se comprometeron a crear 25.000 vivendas de protección oficial, das que 7.000 se destinarían ao mercado de aluguer. Ademais de cuestionar este anuncio, a portavoz do PPdeG, tamén asegura que son moitas as edificacións rematadas que "non son quen de adxudicar".

Comentarios