O PP promete financiar entre o 10% e o 20% do primeiro aluguer dos mozos

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo asegurou esta mañá que os concellos nos que goberne o PP financiarán entre un 10% e un 20% do aluguer que paguen os mozos que accedan por primeira vez a unha vivenda. A contía dependería dos ingresos percibidos, dixo Núñez Feijoo nun acto celebrado no barrio vigués das Roteas e no que estivo acompañado pola alcaldesa e candidata popular, Corina Porro.

Núñez Feijoo criticou que o bipartito freara os programas de Bolsa de Aluguer e de Hipoteca Xove postos en marcha polo anterior Executivo galego. "Pensamos e reiteramos que o Ministerio de Vivenda é un Ministerio inútil", e sinalou que a Consellería de Vivenda vaia por este "camiño da inutilidade".

Así, o líder dos populares quere mostrar o compromiso coas políticas de acceso á vivenda mediante os seus candidatos, xa que tanto a candidata de Vigo como o de Pontevedra levan no seu programa a creación dunha sociedade pública de construción e aluguer de vivenda. 

Comentarios