O plan sectorial de vivenda regulamentará os pisos protexidos

A conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, presenta os obxectivos do plan sectorial (Pepe Ferrín, AGN)
photo_camera A conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, presenta os obxectivos do plan sectorial (Pepe Ferrín, AGN)

O novo Plan Sectorial de Vivenda elaborado pola Xunta delimitará as zonas susceptibles de construír vivenda protexida na comunidade. Como paso previo, a Administración autonómica analizará o parque actual de inmobles en Galicia, así como a oferta nas catro provincias.

O documento, denominado oficialmente 'Plan Sectorial de Vivenda Protexida', será o primeiro destas características que se realiza en España, e deseñará as estratexias de actuación do Executivo galego en materia de vivenda de aquí a dez anos. O Consello da Xunta deu luz verde para a súa tramitación este xoves e espérase que o documento estea aprobado no último semestre de 2008.

Vivenda protexida: Onde e como
Entre os obxectivos do Plan, que hoxe presentou a conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, está sinalar os ámbitos máis favorables para construir pisos protexidos en Galicia, de forma que se proporcione á Administración a información necesaria para pór en marcha proxectos sectoriais nos concellos con máis demanda.

Estas actuacións permitirían construír vivenda protexida independentemente da situación na que se atopen os planeamentos urbanísticos (PXOMS). Nestes proxectos sectoriais estará incluído todo o territorio galego, aínda que terá "especial incidencia" nas cidades, cabeceiras de comarca, áreas metropolitanas e concellos cun maior desenvolvemento demográfico.

Ademais, o documento marcará os "parámetros básicos" para a construción destes inmobles, como a tipoloxía dos edificios, a altura máxima ou a superficie edificable.

Evitar "guetos"
Outro dos obxectivos do futuro plan sectorial céntrase en limitar unha "concentración excesiva" de vivenda protexida en determinadas áreas das cidades. Quérese, segundo a Consellería, favorecer unha mestura de rendas sociais entre os beneficiarios dos novos pisos protexidos e os que xa residen na zona, para "evitar a creación de guetos ou illas que non permitan a integración social".

Infraestruturas
Ademais, o plan sectorial estipulará "as reservas mínimas para dotacións e para infraestruturas en cada caso", recalcando que "de ningún xeito" se autorizará solo para construír inmobles se non se acompaña de infraestruturas como a rede de saneamento, abastecemento de auga, enerxía eléctrica ou zonas verdes, entre outras.

Segundo Táboas, trátase de evitar episodios como os que se deron nos últimos tempos, nos que determinadas zonas cunha forte presión urbanística construíron parques de vivendas sen "sen ter garantidos os servizos básicos".

Comentarios