O Plan de Residuos Sólidos Urbanos da Xunta apostará pola compostaxe

Galicia atópase, lonxe de cumprir moitas directivas europeas de Medio Ambiente. Por exemplo, a porcentaxe de compostaxe de lixo sitúase entre o 4 e o 7%, lonxe da esixencia do 25% que marca a lexislación. É un dos factores que pretende solucionar o Plan de Residuos Sólidos Urbanos, que a Consellería de Medio Ambiente presentará en setembro, segundo hoxe anunciou o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez.

Vázquez fixo estas valoracións durante a presentación da Memoria de sostibilidade de Sogama, ao tempo que anunciou a intención do seu departamento de apostar pola compostaxe na busca de novos modelos de tratamento de residuos alternativos á incineración.

Así, o titular de Medio Ambiente sinalou que Sogama se atopa desbordada, recibindo 800.000 toneladas de residuos cando a súa capacidade non supera as 500.000. Por iso a intención é retirar da orde de 400.000 toneladas grazas a alternativas como a compostaxe. 

Para isto confía en que en tres anos Galicia teña desenvolvido o Plan de Residuos Urbanos, onde se contemplan novas plantas de xestión de residuos que descarguen a Sogama deste exceso e se poida camiñar cara a "un novo modelo de xestión". Así, pretende que se reforcen as plantas de compostaxe Nostián e Lousame, ás que se sumaán novas plantas en Lugo e O Morrazo, e quizais en "tres comarcas máis". O obxectivo, elevar a porcentaxe en concordancia coas esixencias europeas.

Promover a non xeración de residuos
Vázquez asegurou que con este plan "non imos inventar nada, senón que a misión é cumprir coas directivas”. Isto implica, tamén, eludir grandes plantas para establecer un sistema máis atomizado. A intención é que "cada concello decida o seu modelo de xestión de residuos” pero baixo unha perspectiva de país que cumpra coas normas da Unión Europea.

Mesmo se xorden alternativas a unha Sogama que seguirá estando aí, a intención é que as políticas de medio ambiente promovan a “non xeración de residuos” entre os cidadáns.  Nesta liña enmárcase unha batería de propostas dirixidas a reducir o consumo de bolsas de plástico. Malia isto, haberá que conformarse cun plano pedagóxico pois de momento a consellería “non ten capacidade lexislativa".

Isto repercutiría tamén nun beneficio para o consumidor posto que  ó final “quen paga o custo do tratamento do lixo é o cidadán”.

As axudas para coches híbridos, en espera
Por outra banda  Manuel Vázquez descartou que polo momento o seu departamento teña intención de subvencionar a particulares a adquisición de vehículos híbridos (eléctricos e de combustible). O que si fará Medio Ambiente é presentar unha nova flota que reúna estas características, e que chegarán aos parques naturais e outros departamentos públicos.

Comentarios