O interrogatorio máis incómodo para Feijóo

Ás veces, por moito que teña que dicir un entrevistado, o entrevistador acaba sendo o protagonista do encontro. "É nese instante no que o xornalismo se suicida", que dicía un profesor meu para explicar a síndrome Mercedes Milá. O presidente da Xunta acaba de ser vítima dun deses suicidios no espazo 12 Mujeres sin piedad [abaixo teñen o vídeo] , de Intereconomía, unha canle na que a ideoloxía non merma os principios xornalísticos... acaba con eles totalmente.

O señor Núñez Feijóo soportou un interrogatorio documentado ao ralentí, cheo de lugares comúns, topicazos e ondadas de lercheos. Aínda que O noso Alberto comentou cuestións de relativo interese no político e no persoal, a voz cantante no programa levouna parte da repartición xornalística. E cantaron os doce temas e os bises.  

Xa no minuto un, Feijóo quedou perplexo cando lle pediron, no saúdo, "que no sea muy gallego" (Irene Sánchez, dixit), ao que dixo que non pode deixar de ser o que é. Tras este arranque tan rosa díez, chegou a primeira exclusiva:  "En Galicia hai un debate polo feito de que en San Caetano a bandeira galega é a única visible" (min 4:15; Pepa Romero). O presidente negou tal debate porque, coma min, ignoraba que, do París ao Dakar, os composteláns non falan doutra cousa. Igual que todos os galegos, claro.

Como un presidente dunha autonomía é unha peza de caza maior, Victoria Moradell quixo poñer sobre a mesa os temas verdadeiramente interesantes (min 8:38). Lembrou cando Feijóo asistiu a unha voda gai tras dicirlle, no prólogo dunha pregunta, que "las malas lenguas lo tachan a usted de homosexual". A cuestión non era outra que: "¿Algún despistado le pudo tirar los trastos en el enlace?". O tema derivou entón, nun xiro histórico, nos aconteceres da política madrileña. Mais, tranquilos, a cousa volveu centrarse nos asuntos capitais (min 12:46) cando Mariate Díez preguntou pola parella sentimental do entrevistado, Carmen Gámir.

Máis adiante, entre temas políticos e económicos, Lolo García (min 17:11) sacou a famosa foto do Feijóo sindicalista, que acabou contando que, por entón, quen o diría, a CIG ofreceulle unirse ao plantel do sindicato. O seguinte extracto destacable chegou co aroma de Galicia Bilingüe (min 23:54). Imaxinen como sería o asunto que o titular da Xunta saltou en defensa do noso idioma, tarefa na que non é un entusiasta cando lexisla. Mágoa que o argumento que empregou é o máis pobre de todos.

Tras aparecer outra instantánea mítica, a da mangueiriña, o encontro informativo púxose minimamente informativo... ata o minuto 37. Foi o momento de ir a polos malos recordos do pasado: "¿Le guarda resquemor a José Blanco por no devolverle unos apuntes en la facultad?". "A mí lo que me preocupa es que nos haya dejado España así", contestou Feijóo. A partir de aquí empezan a desfilar Isabel Preysler, Julio Iglesias e, de novo, Carmen Gámir, coa novidade de que, agora, o xefe da nosa administración enfróntase á cuestión definitiva para un solteiro: "¿Le tiene miedo al matrimonio?".

Índonos xa ao minuto 43:59, vemos que seguen vivas as ansias por ridiculizar un chisco ao convidado con cuestións absurdas e outros contos. Cando 30 minutos antes o presidente recoñecera que moi ao seu pesar non sabe inglés, chantáronlle unha pregunta en inglés. A sorpresa final, que pola cara que puxo non lle fixo gracia, foi sacar unha mesa e poñelo a facer unha queimada. O toque Sálvame que faltaba.

Se chegaron a este punto e non durmiron xa (ou marcharon a ler a columna do mestre Jabois), pode (ou non) que lles xurdiran tres dúbidas que eu xa teño na cabeza. A primeira: ¿Está ben que o representante dos galegos teña tempo para estas cousas frívolas e non para falar doutras realmente importantes? A segunda: ¿Non estaremos chamando xornalismo a calquera cousa? E, a máis importante: ¿Por que demo se titula 12 Mujeres sin piedad, cando hai varias que non falaron en toda a hora?

Comentarios