O ex alcalde de O Grove desvincúlase do caso das listas vascas

O fiscal do xulgado de Cambados non acusará polo momento de ningún cargo ó ex rexedor de O Grove, Miguel Ángel Pérez, que compareceu hoxe como imputado en relación ás cinco denuncias interpostas por cidadáns de Arousa ó aparecer nas listas vascas do 27-M sen o seu consentimento.

Despois de dúas horas prestando declaración, o responsable do PP no concello de O Grove afirmou estar “tranquilo” xa que defende que non tivo ningunha participación neste caso. Asegurou tamén que os últimos indicios apuntaban ós “servizos de protección civil” pero negouse a concretar pola falta de probas.

Pola súa parte, o fiscal de Cambados explicou que a investigación segue adiante para determinar se se incorreu en falsidade documental e delito electoral neste caso.

Investigación interna
O pasado 2 de agosto o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, procurou desvincular á súa formación política desta polémica, afirmando que a investigación interna realizada eximía a calquer membro do partido.

Afirmou tamén naquel momento que os 'populares' eran os “primeiros interesados” en que se aclarase todo o acontecido para pescudar “se houbo engano”.

Comentarios