O Consello Nacional do BNG dá o visto e prace ao 'acordo marco'

Anxo Quintana e Roberto Mera no Consello Nacional do BNG (Foto: OTTO/AGN)
photo_camera Anxo Quintana e Roberto Mera no Consello Nacional do BNG (Foto: OTTO/AGN)

A 7 días de que se configuren as alcaldías nos concellos galegos, socialistas e nacionalistas alcanzaron ese acordo marco que lles permitirá acceder ao goberno de máis de 70 municipios nos que no acadou maioría absoluta ningún partido. A sinatura oficial será o vindeiro luns, entre o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, e o secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño.

O Consello Nacional do BNG dáballe a aprobación ao documento esta mañá, por 69 votos a favor e 4 abstención. Dende o partido destacaban a práctica unanimidade coa que pasaba o filtro do órgano de dirección.

Quintana sinalaba a satisfacción coa que fora recibido o acordo no seo do partido, un consenso que permitirá "trasladar aos concellos o modelo de goberno que aplicamos na Xunta". Un modelo que se baseará na alcaldía para a lista máis votada e a tenencia de alcaldía para a segunda que integraría a coalición, "con dous referentes políticos claros".

Sobre as excepcións, Quintana eludiu profundizar no asunto, aínda que sinalou que "somos unha forza política seria que nos esforzamos en cumprir os acordos". Ademais engadiu que como acordo nacional a súa aplicación debe extenderse a todo o país.

Un modelo aberto
Os socialistas pola súa parte consideran que se trata dun "modelo aberto" e que polo tanto será en cada concello onde se teña que decidir o modelo de pacto que se estableza. O acordo é, polo tanto, un "marco de traballo" que lle dá "autonomía ás partes para decidir o modelo en cada cidade".

Así o explicaba Ricardo Varela, secretario de Organización do PSdeG, dende o Comité Federal do PSOE en Madrid. Para Varela o acordo establecido cos nacionalistas determina que o marco de actuación é establecer gobernos de coalición porque "estamos persuadidos de que son bos" e que é positivo "que se acaden en todas as cidades".

Deputacións
Queda pendente de negociar a fórmula para gobernar a Deputación de Lugo e da Coruña. Ricardo Varela considera que o modelo establecido na Coruña "ten funcionado ben" e espera que non se produza ningunha dificultade no caso de Lugo. Aínda así, no caso da segunda recoñece que o equilibrio de forzas "é distinto".

Pola súa parte, Anxo Quintana aseguraba que "esperamos ter un acordo canto antes". A intención do BNG é insertar no programa das deputacións parte do seu programa, que polo menos se corresponda co 19,5% dos votos logrados nos comicios municipais. Así, aínda que non poden garantir o cumprimento do programa, si pretenden "avanzar na dirección" que perseguen os nacionalistas.

Comentarios