O BNG move ficha nas cidades

Os grupos locais do Bloque Nacionalista Galego xa deixan ver as súas propostas para un goberno conxunto. En Ourense, Lugo e Ferrol, os nacionalistas deron hoxe pasos adiante para resolver os pactos de goberno.

Na cidade de Ferrol, na que a gobernabilidade xa está asegurada por un pacto entre o PSdeG e IU, o Bloque presentou hoxe unha contraproposta coas súas condicións para incorporarse ó goberno municipal. A decisión final dos nacionalistas coñecerase o venres na asemblea de militantes, que valorarán se as responsabilidades que lles outorgan PSdeG e IU son suficientes.

En Lugo, finalmente haberá reunión entre o PSdeG e BNG. Será ás 10 da mañá, e nun lugar 'neutral', o hotel Santiago da capital das murallas. Na reunión só estará un dos líderes dos dous grupos, o nacionalista Anxo Lage. José López Orozco decidiu delegar a responsabilidade das negociacións porque manter a actividade institucional no concello de Lugo non lle deixa "un minuto libre".

O portavoz do grupo municipal do BNG, Antón Bao, afirmou que as primeiras discusións se centraran nos programas de goberno, e deixarase para o final o reparto dos escanos.

Desbloqueo das negociacións en Ourense
Na cidade das Burgas semella que ó final as augas volven polo seu cauce natural. Aínda non hai acordo, pero socialistas e nacionalistas retomaron as conversas, e onte á noite, dende o BNG afirmaban que apoiarán a candidatura de Francisco Rodríguez, aínda que non cheguen a un acordo de goberno.

No PSdeG trataron de quitarlle ferro á reacción do Bloque perante a proposta de goberno socialista. Fontes do PSdeG ourensán afirmaron que o documento era "unha base para negociar", en ningún momento pechada.

Os nacionalistas levaron á reunión de onte unha proposición de goberno alternativa debaixo do brazo. Ademais das áreas que dirixirá cada unha das forzas, o BNG tamén quere discutir acerca da dedicación exclusiva dos edís.

Na capital galega, Gerardo Conde Roa asume o seu papel na oposición e afirma que ve "claro" un acordo que reedite o bipartito formado por José Sánchez Bugallo e Néstor Rego. O 'popular' mantivo onte reunións cos candidatos socialista e nacionalista e deixará abertos "canles de diálogo" para poder apoiar a uns ou a outros, porque "catro anos dan para moito", e o matrimonio PSdeG-BNG pode pasar por momentos difíciles.

Comentarios