O BNG faise coas alcaldías de Manzaneda e Castrelo de Miño

Os recursos presentados polo BNG ante a Xunta Electoral Central nos concellos ourensáns de Manzaneda e Castrelo de Miño foron estimados, polo que ambos municipios contarán con alcaldes nacionalistas, por acordos establecidos co PSdeG-PSOE, segundo informan nun comunicado desde o BNG.

En Manzaneda, a xunta electoral de zona admitira unha reclamación do PP que provocaría a repetición das eleccións nunha das mesas do concello. Pola contra, foi estimado o recurso presentado polos nacionalistas, dando por válidos os resultados provisionales, que outorgaban catro concelleiros ao PP, tres ao BNG e dous ao PSOE. Isto sitúa ao nacionalista Antonio Núñez na alcaldía, cargo ao que accederá cos apoios do PSOE.

En Castrelo de Miño, a xunta electoral de zona estimara unha reclamación do PP sobre a nulidade dun voto do CERA. A Xunta Electoral Central, pola súa banda, estimou o recurso do BNG que validaba este voto, co que a corporación resultante terá 5 concelleiros do PP, tres do BNG e 3 do PSOE. Os nacionalistas, que lograron máis votos que os socialistas, asumirán a alcaldía. Concretamente, farao Xurxo Rodríguez Méndez.

Por outra banda, no concello de Arnoia foi estimado outro recurso dos nacionalistas, polo que se anula unha das mesas do concello debido ás irregularidades detectadas nos votos dos residentes ausentes.

Comentarios