El BNG avisa a la Xunta: ''Si caen en la tentación de reprimir al profesorado, habrá reacción social''

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, lanzoulle este sábado unha advertencia á Xunta de Galicia en relación coa entrada en vigor do decreto do galego. "Esto si que é unha imposición!", espetou Vázquez, informando a continuación de que "haberá reacción social no caso de que a Xunta caia na tentación de reprimir ao profesorado" que decida seguir a impartir as aulas en galego.

O líder dos nacionalistas galegos acusou ao PPdeG de "aplicar o rodo matemático da maioría parlamentaria" para darlle o visto e prace a un texto lexislativo en contra do cal se pronunciaron grupos políticos, sindicatos, asociacións de pais, colectivos de estudantes, o profesorado e a Real Academia, tal e como repasou Vázquez. "O PP empéñase en impoñelo", lamentou, e subliñou que a formación conservadora "non pode dar leccións" no que ao cumprimento de leis se refire, lembrando "a insumisión absoluta" á lei do aborto, á lei de normalización lingüística respecto das formas galegas dos topónimos e á impartición da materia Educación para a Cidadanía naquelas comunidades onde goberna. "O PP non é un exemplo, e agardamos que non caian na tentación de seguir a impoñer pola vía da represión".

Sobre a iniciativa do PSdeG en virtude da cal solicitarán un cambio no modelo educativo do Executivo de Alberto Núñez Feijóo, o voceiro da formación frontista sinalou que "cada grupo político ten dinámicas propias e o BNG non se suma ás dos demais". Aínda así, aproveitou para darlle a benvida aos socialistas na batalla do galego: "Benvido sexa o PSdeG se se decide pola defenda do idioma", sentenzou.

Comentarios