O 112 atendeu 38 incidencias en Lugo polo temporal Félix

Dúas persoas resultaron feridas en Laracha, na Coruña, pola caída dunha árbore nun coche

O Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia xestionou desde o inicio do temporal Félix, que está a afectar á comunidade con fortes ventos e choivas, ata un total de 378 incidencias, das que 223 producíronse a partir das 18,00 horas do sábado. Lugo foi a segunda provincia menos afectada, con 38 incidencias. Na provincia da Coruña os servizos de emerxencias atenderon 174 incidencias, seguida da provincia de Pontevedra, con 140 e Ourense, con 26.

En canto aos municipios máis afectados, segundo a información facilitada polo CIAE, sitúanse Bergondo, Boiro, Cee, Brión, Padrón, Rianxo, Rois e Santiago de Compostela, na provincia da Coruña; e Moaña, Pontevedra, O Rosal, Sanxenxo, Vigo e Vilanova de Arousa, en Pontevedra.

CATRO FERIDOS. Catro persoas resultaron feridas en dous accidentes. Un dos sinistros tivo lugar en A Laracha. O 112 Galicia informou que se produciu na estrada de Monteagudo, ao redor das 22.30 horas deste sábado, cando unha árbore se caeu sobre un vehículo.

Dúas persoas resultaron feridas no sinistro e unha das vítimas tivo que ser excarcerada polos bombeiros de Carballo, ao quedar atrapada no interior do turismo, no que ían tres ocupantes. Unha vez que o 061 Urxencias Sanitarias se puxo en contacto co 112 Galicia, o servizo de emerxencias galego comunicou o aviso aos bombeiros de Carballo, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil. Os efectivos sanitarios encargáronse de trasladar aos dous feridos a un centro hospitalario.

COCHE CONTRA UNHA ÁRBORE CAÍDA NA ESTRADA. Tamén o temporal causou outro sinistro con feridos en Galicia. Neste caso, foi no municipio de O Pino, na Coruña. Dúas persoas resultaron feridas ao chocar o coche todoterreo no que viaxaban contra unha árbore que caera na estrada.

O accidente produciuse na estrada que enlaza a localidade con Touro, ás 6.30 horas. O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través da alerta dunha das persoas implicadas no sinistro. A continuación, púxose en contacto co 061, os bombeiros de Arzúa e a Garda Civil de Tráfico. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, as vítimas tiveron que ser trasladadas ao Hospital A Rosaleda.

ACCIDENTE SEN FERIDOS EN OURENSE. En Ourense tamén se rexistrou o choque doutro vehículo contra unha árbore aínda que, neste caso, saldouse sen feridos. O accidente tivo lugar na N-525, ao seu paso por O Viso, ao redor das 6.00 horas deste domingo. O CIAE transmitiu o aviso á Garda Civil de Tráfico tras recibir a alerta.