"A división é un luxo que non nos podemos permitir. Un erro onde non debemos caer". Amalia Bóveda apelou onte á unión da sociedade civil e dos poderes públicos para lograr o recoñecemento e a reparación da memoria histórica dos mártires galegos. Fíxoo no 83 aniversario do fusilamento do seu pai, Alexandre Bóveda, asasinado polos franquistas o 17 de agosto de 1936. "Non é un ano sen máis. É un comezo. As nosas demandas empezan a ser escoitadas", subliñou a única filla viva do intelectual galeguista.
O obxectivo da familia do represaliado é que se anulen os xuízos sumarísimos e se recoñeza ás vítimas da guerra civil e da dictadura de maneira oficial. "A única esperanza que tiñan os asasinados era que, algún día, a democracia os ía homenaxear. Estamos no camiño de institucionalizar isto e que a sociedade entenda que é unha homenaxe merecida", dixo Valentín García Bóveda, neto do intelectual galeguista e membro da Fundación Alexandre Bóveda, que agradeceu a "presenza plural" de representantes de distintos partidos na Caeira.
Representantes do PSOE e o PP en Pontevedra estiveron presentes no acto, ao que non acudiron nin a Xunta nin o Goberno central
O monumento adicado á figura de Alexandre Bóveda, en pé dende 1996, congrega cada ano a máis forzas políticas. O PSOE de Pontevedra asistiu por primeira vez á homenaxe ó intelectual galeguista. Fíxoo a través dos concelleiros Yoya Blanco e Iván Puentes, que acudiron ó aco co seu compañeiro socialista Gregorio Agís, edil en Poio.
A Corporación poiense estivo amplamente representada no Día da Galiza Mártir co seu alcalde, o nacionalista Luciano Sobral, á cabeza, que se amosou visiblemente emocionado. Os edís do BNG Marga Caldas, que leu a última carta que Bóveda lle escribiu á súa muller Amalia Álvarez antes de ser fusilado e reivindicou "ás mulleres que fixeron posible que se manteña viva a memoria dos mártires", e Xosé Luis Martínez participaron nesta xornada, na que tamén estiveron as concelleiras Silvia Díaz, de Avante Poio, e Rocío Cochón, do Partido Popular.
Pancarta reivindicativa da organización xuvenil Galiza Nova
O Concello de Pontevedra tamén se fixo notar na homenaxe a Bóveda. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), estivo escoltado por compañeiros de goberno e de formación, como Anabel Gulías, Eva Villaverde, Demetrio Gómez Junquera e Carmen Fouces. Con eles estivo o seu ex-compañeiro Luís Bará, agora deputado no Parlamento galego.
Un ano máis, o PP pontevedrés volveu estar representado nesta xornada. Nesta ocasión, a través dos concelleiros Pablo Fernández e Guille Juncal. A Deputación, coa deputada María Ortega (BNG), pechou a representación institucional na homenaxe a Bóveda,á que non asistiu nin a Xunta nin o Goberno central. A homenaxe foi apoiada, non obstante, por responsables de Marea Pontevedra e Anova.
A xornada, que rematou coa tradicional ofrenda floral e o himno galego, serviu para recoñecer o traballo de Telmo Comesaña co XIV Premio Galiza Mártir e para facer alegatos a favor do país, como a do presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, que pediu "un esforzo para ser mellores galegos e para vivir mellor desde Galicia, como fixeron Castelao e Bóveda".