ANÁLISE. Non todo o peixe está vendido para o 25-S

O sociólogo Elías Trabada Crende analiza a enquisa preelectoral do CIS sobre as eleccións autonómicas

O Centro de Investigacións Sociolóxicas, dependente do Ministerio da Presidencia do Goberno de España, predí para as eleccións galegas do próximo 25 de setembro a vitoria do PP con maioría absoluta de 40 a 41 deputados, renovando os resultados obtidos nas anteriores eleccións de 2012. Un prognóstico electoral que transmite a imaxe dun Feijóo invencíbel, coa terceira maioría absoluta ao alcance da súa man, seguindo o ronsel do seu mentor Fraga.

Con todo, na mesma enquisa do CIS revélase o “talón de Aquiles” da dereita política galega: ao 57,3% das persoas entrevistadas gustaríalles que gobernarse un partido ou partidos distintos en Galicia, fronte ao 30,4% que non lles gustaría. Por tanto, pódese inferir que a maioría da poboación galega con dereito a voto desexa claramente o cambio político na Xunta. Unha aspiración preponderante entre homes (56,7%) e mulleres (57,8%), así como hexemónica en case todos os grupos de idade, desde 18-24 anos (74,5%) ata 55-64 anos (59%). Coa única excepción das persoas de 65 e máis anos, entre as cales o anhelo de cambio político (41,9%) perde a súa supremacía para practicamente igualarse con quen non lles gustaría que gobernarse un partido ou partidos diferentes (42,5%).

gráficaSe, ademais dese maioritario desexo de cambio político, consideramos que o 36 por cento das persoas entrevistadas, que con toda seguridade ou probablemente votarán, aínda non decidiron o seu voto, cabe pensar que para o 25 de setembro “non todo o peixe esta vendido”.

Un desexo social de cambio político que para realizarse o 25 de setembro require das opcións alternativas –PSdeG, En Marea e BNG- que logren encarnalo e representalo sen equívocos, para mobilizar ao electorado maioritariamente favorable ao cambio na Xunta. A priori, o vento do cambio sopra ao seu favor, pois ás e os galegos preocúpanlles cuestións máis propias dos discursos sociais e políticos das esquerdas que das dereitas. Así, a enquisa preelectoral do CIS dinos que, para o 72% das e os galegos entrevistados, o paro é o problema máis importante que ten Galiza na actualidade. Se, ademais, consideramos que o 10,5% resaltou os problemas económicos (situación, carestía da vida, prezos), o 7,4% os problemas sociais (inxustizas sociais, desigualdade, pobreza) e o 5,2% a calidade do emprego (precariedade, baixos salarios, malas condicións de traballo), constatamos que esas cuestións que preocupan ás e os galegos refírense directamente á axenda sociolaboral das esquerdas.

A continuación, observamos que o 17,3% das e os galegos enquisados polo CIS identifican como problemas máis importantes a sanidade, o 8,4% a educación e o 4,7% as infraestruturas. Atopámonos ante cuestións centrais do Estado do Benestar, precisamente das súas áreas de actuación máis afectadas pola política do austericidio neoliberal dedicada a reducir o déficit público en prexuízo do capital e gasto social. Recortes que se traduciron nun aumento da desigualdade, pobreza e exclusión social, así como nun declive da calidade de vida entre as clases traballadoras galegas, tanto de nivel medio como obreiro, que necesitan dos servizos e prestacións públicas na súa vida cotiá.

Pero tamén hai un 6,1% que valora a corrupción e a fraude como un dos problemas máis importantes, prácticas que erosionan o Estado do Benestar pola súa contribución ao déficit público. Velaquí unhas cuestións que preocupan ao pobo galego e que tamén entroncan claramente coa axenda política das esquerdas respecto da defensa do Estado do Benestar e a súa reivindicación de garantir os servizos e prestacións públicas en cantidades e calidades suficientes para a poboación.

Doutra banda, dos resultados do preelectoral do CIS tamén podemos deducir que hai unha actitude favorable en unha parte relevante do pobo galego para avanzar cara a unha organización federal do Estado español. As persoas entrevistadas con dereito a voto que se decantan por máis autonomía que na actualidade (23,8%) ou por unha autonomía con dereito de autodeterminación (9,3%), suman entre ambas o 33,1% do total. Unha porcentaxe lixeiramente inferior a quen prefire o actual Estado das autonomías sen cambios (35,4%), pero oito puntos por encima de quen prefire unha regresión centralista que reduza a autonomía (12,4%) ou directamente a súa supresión (12,3%).

En definitiva, ante ese desexo social de cambio político e os problemas máis importantes que identifica o electorado galego, cabe concluír que para os partidos da alternativa política – PSdeG, En Marea e BNG- ha de ser máis fácil comunicar durante a campaña electoral e tamén mobilizar o próximo 25 de setembro á maioría do electorado galego que é favorable ao cambio político (57,3%). Cun discurso formado por mensaxes sinxelas, críticas e propositivas. Hai que criticar con contundencia a ineficacia e perversidade interesada das políticas neoliberais do PP, pois realmente coa precariedade e o desemprego masivo abarátase e sometese ás e os traballadores.

Mentres coas insuficientes cotizacións sociais, rebaixas fiscais e a fraude ao fisco das rendas altas e do capital, debilitan aínda máis o Estado do Benestar (como se constata co Fondo de Reserva da Seguridade Social), creando as condicións para ampliar o negocio dos oligopolios privados cara a xestión dos servizos e prestacións públicas. Doutra banda, hai que propoñer con claridade e ilusión as políticas alternativas, para xerar confianza e empatías entre as e os cidadás, que dende o ámbito da democracia social, participativa e federalista poñeranse en marcha por un goberno do cambio para resolver eses problemas que máis preocupan ao pobo galego.

Comentarios