"Creo que cun presidente a tempo completo a Xunta non precisa dous vicepresidentes"

Feijóo: "Non debemos botarlle a culpa á xente de votar o populismo, senón que hai que resintonizar con ela"

Alberto Núñez di que non lle dedica un minuto á súa sucesión nin á de Rajoy. É máis, está "canso" do asunto. Acaba de iniciar o seu terceiro mandato cunha meta: deixar a Galicia de 2020 mellor da que el herdou en 2009
Alberto Núñez Feijóo (Os Peares, 1961), no despacho de Monte Pío
photo_camera Alberto Núñez Feijóo (Os Peares, 1961), no despacho de Monte Pío

Botou a andar a lexislatura con moitos retos por diante. Cales deles considera irrenunciables?

Estabilidade, servizos sociais, emprego e economía. Primeiro, os galegos votaron estabilidade con maior intensidade, porque queren que a política sexa unha aliada para resolver os seus problemas e non un problema máis. Segundo, hai que garantir a viabilidade dos servizos públicos, e iso non só é mantelos senón melloralos: infraestruturas e prestacións sanitarias, plurilingüismo e tecnoloxía no ensino, atención a maiores e dependentes e mentres haxa secuelas da crise non baixar o ritmo de axudas directas como o tícket eléctrico, os bonos de alugueiro e as axudas ao transporte e ao material educativo, por exemplo. En terceiro lugar, o emprego, e por último a economía, especialmente o sector primario, onde hai que darlle un pulo ao sector lácteo, o madeireiro e mellorar o pesqueiro. O obxectivo final é que a Galicia de 2020 estea bastante mellor da que eu atopei no ano 2009.

Como se crean 100.000 empregos en catro anos cando, como di, quedan secuelas da crise?

Nesta lexislatura creamos 80.000 empregos e o obxectivo é xerar entre 80.000 e 100.000 nos vindeiros catro anos. En 2016 medraremos máis do 3% e o ano que vén, un 2,5%, por riba da previsión que tiñamos no Plan Estratéxico. Se a economía medra nesa porcentaxe créase emprego automaticamente. Temos garantido traballo na automoción, estamos xa noutro momento do naval e temos proxectos de innovación que son máis difíciles porque tardan máis tempo, como a aeronáutica en Lugo e a biotecnoloxía. E reitero de novo o sector lácteo e o da madeira, onde me parece que hai bastantes cousas por facer.

Din que baixar impostos, reducir o déficit e aumentar orzamentos é unha ecuación difícil de cadrar.

Nós acreditamos nesta última lexislatura que Galicia é a comunidade que menos incrementou a débeda, a única con Canarias que cumpriu o déficit e fixemos a maior baixada de impostos dun Goberno autonómico, co programa de impostos cero no rural ou a práctica desaparición do de sucesións. Somos a primeira autonomía de España en termos de investimento por habitante con cargo ás contas da comunidade. Polo tanto, acredítase que non só non é imposible, senón que o fixemos os últimos catro anos.

Lexislatura. 
"Os galegos votaron estabilidade, que a política resolva os seus problemas e non que sexa un problema máis"


O efecto da baixada de impostos da Xunta pode quedar anulado en certa medida polo aumento da presión fiscal nos concellos?

É certo que hai críticas de determinados alcaldes que se queixan da Administración galega pola actualización da tarifa do canon da auga ou do lixo, cando só se cobra o custo do seu tratamento e se fai por axudar aos concellos cunha competencia que é exclusiva deles. Porén, durante a crise eses concellos subiron impostos, especialmente o Ibi, pero tamén outras taxas, cando a comunidade foi quen de controlalos e baixalos. Así que agardo que haxa máis equidade nese tipo de críticas, porque moitos alcaldes din que a Xunta vai subir impostos e son eles os primeiros que os soben. Malia todo, debo dicir que a presión fiscal no ámbito local en Galicia non é das máis altas de España.

Na súa investidura falou da importancia do diálogo entre as comunidades e co Goberno para pactar un financiamento autonómico sen privilexios, pero Urkullu e Puigdemont xa avanzan que non irán a unha conferencia de presidentes.

Empezamos mal, pero creo que se equivocan. Un presidente autonómico non pode renunciar unilateralmente ao diálogo nin prexudicar a súa comunidade para beneficiar teoricamente o seu partido, xa que é presidente de todos. Sería a primeira vez na historia de España que dous presidentes non acoden á conferencia, despois de criticar nalgúns casos o Goberno central por non falar coas comunidades. O que ocorre é que aquí o que se pretende é unha diferenciacion entre autonomías. Como dixo Bono, o expresidente socialista de Castela-A Mancha: «Los que quieren comer solos es que quieren comer más». É como se nunha comunidade de veciños dous se negan a ir ás xuntas porque queren pagar menos gastos pero ter máis calefacción, electricidade e mellores condicións no seu piso. Creo que é un erro e os presidentes non imos caer na tentación de facer seguidismo diso.

Ademais de en España, tamén pediu vostede unidade na política galega. Aínda que vai pouco tempo, detecta un ambiente menos belixerante no Parlamento?

Si, porque non houbo gamberradas dialécticas nas sesións de investidura. Mantívose o respecto á Cámara, á Mesa e aos votos que trasladaron a confección do arco parlamentario. Pero a lexislatura acaba de empezar, estamos no asubío de inicio da carreira e serán catro anos de maratón parlamentario, así que imos ver como discorren. Pero de entrada está claro que empezamos mellor.

Estado.
"Algúns pretenden unha diferenciación entre autonomías, pero os presidentes non imos facer seguidismo diso"


No Hórreo viuse especialmente cercano ao PSdeG. Significa que xa o elixiu como líder da oposición?

A min o que me gustaría é falar con todos os grupos. Hai un partido con resultados máis modestos e dous empatados a deputados. Imos tentar acordar con aqueles que teñan propostas susceptibles de interesarlle a Galicia. Se o PSdeG as ten tentarei chegar a acordos e se outros queren traer propostas de Podemos ou propostas independentistas que non interesan a Galicia haberá máis dificultades.

"Somos dos poucos que temos presupostos e iso é moi importante porque é garantía de estabilidade". Sabe de quen é esta frase?

Supoño que será miña.

Podería, pero é de Abel Caballero.

Ah! [ri]

Dígoo porque ao mellor é certo que teñen máis cousas en común PP e PSOE das que se exhiben ultimamente en público.

O PSOE é un partido que gobernou 22 anos España, sempre en Andalucía malia non gañar e case sempre en Estremadura ou Castela- A Mancha. Foi a gran segunda forza de Galicia, onde gobernou 20 anos A Coruña, 15 Santiago, Ferrol e Lugo moito tempo... Agora o socialismo é terceira forza en Galicia e a cuarta nalgún concello. Se o PSOE quere realmente ser alternativa é evidente que as coincidencias co PP van subir; e se o que quere é poñerse a disposición de Podemos para conformar gobernos en contra do PP irá diluíndose paulatinamente, como xa advertiu Felipe González.

Goberno.
"Polo que despacho cos conselleiros vexo que si haberá cambios no segundo nivel da Xunta"


Que opina do Goberno ‘sen galegos’ de Mariano Rajoy?

Paréceme ben que se diga iso [ri], pero ningunha autonomía pode dicir que o presidente do Goberno é desa comunidade salvo Galicia. Como tampouco ningunha pode dicir que as principais autoridades do país, como a presidencia do Congreso ou do Consello de Estado, teñan galegos á fronte, ademais do número un dos senadores. Cada quen que diga o que lle pareza; eu xa dixen que os responsables de que o Goberno central lle dea a Galicia o que lle corresponde son o presidente do Goberno e o da Xunta, e os dous somos galegos.

Teme unha lexislatura curta en Madrid pola minoría do PP?

Ese risco existe. O PSOE necesita tempo para reconstruírse e Ciudadanos dáme a sensación de que o precisa para asentarse. Ese tipo de cuestións fanme pensar que a lexislatura pode durar máis do que a algúns lles gustaría, pero si me preocupa que a estabilidade do Goberno central non estea blindada.

Preocúpalle a vitoria de Trump?

As cousas que dixo como candidato precupan a calquera europeo; as cousas que vaia facer como presidente están por ver.

E preocúpalle o ascenso do populismo, en calquera das súas formas?

Claro que me preocupan as eleccións francesas, o referendo de Italia, a estabilidade en Alemaña, os efectos do Brexit... Estamos xogando, sen darnos de conta, coa gran conquista que fixemos os europeos, algo tan grande como pór nacións con séculos de historia xuntas, cunha única moeda, unha única política exterior e dedefensa; iso non ten precedentes
no mundo. Polo tanto preocúpame que aquilo que tardamos décadas en lograr o poidamos desfacer nun lustro.

E como se frea ese populismo?

Desde logo non botándolle a culpa á xente que o vota, senón analizando os erros que facilitan que avance e por que os partidos que trouxeron as maiores cotas de liberdade a España e Europa perden votos. Non botemos a culpa á xente! Reconectemos con ela, resintonicemos. Sempre houbo problemas: na revolución industrial naceu o marxismo e nesta revolución potentísima que é a globalización nace o populismo de extrema dereita ou esquerda a ambos os dous lados do Atlántico. Debemos saber que hai xente con expectativas de vida peores que as de seus pais, xente que recuperou o seu traballo pero cun poder adquisitivo inferior, xente que non entende que haxa rendas tan altas por parte dalgúns e miserias para outros... Nós, a escala local, cando sufrimos o varapau das municipais de maio, tentamos recompoñernos: cambiamos o Goberno, recolocamos pezas, replantexamos as nosas políticas e prioridades e os galegos déronnos a única maioría absoluta do país.

Parece que o PP seguirá unha folla de ruta similar para o seu congreso.

Non sei se seguirá a folla de ruta do PPdeG, pero gustaríame que o meu partido fixese esta reflexión, reordenase as prioridades e reconectase outra vez coa xente. En todo caso, o PP en España estase recuperando das feridas potentísimas que tivemos como consecuencia dos casos de corrupción tanto nas responsabilidades centrais como nalgunhas comunidades.

Preocúpalle Trump, o populismo... E a conciliación? Dixo que non ía coller a baixa por paternidade e a axenda dun presidente non é doada.

Vexo que hai certo debate sobre que o presidente dun goberno debe coller as semanas de baixa por paternidade para dar exemplo e eu respéctoo. Os pais teñen dereito e deben facelo, pero eu espero que me perdoen porque non o vou facer. Algunha fin de semana terei que baixar a actividade pública porque non sempre hai que tela, e pido desculpas por iso; e se hai que quitarlle horas ao sono quítanselle... Pero a realidade é que agora terei dúas obrigas cando antes só tiña unha.

Comentarios