Nace un laboratorio de ideas en torno a Beiras que se presentará con David Fernández, da CUP

O Obradoiro de Ideas de Láncara nace para promover a cultura republicana e estudiará as experiencias emancipadoras en todo o mundo

Xosé Manuel Beiras, en el Parlamento.PEPE FERRÍN
photo_camera Xosé Manuel Beiras, en el Parlamento.PEPE FERRÍN

O veterano dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras, cofundador do BNG -formación que abandonou en 2012- e que despois promoveu a fundación de Anova, preside Obradoiro de Ideas Láncara, un laboratorio de ideas que nace ao redor da súa figura e que promoverá a cultura republicana e estudará as experiencias emancipadoras en todo o mundo.

A presentación desta fundación terá lugar este martes ás 19.00 horas na facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e contará coa participación do exdeputado da CUP David Fernández.

Nunha primeira parte do acto, Antía Comesaña fará unha intervención explicando os obxectivos que busca Láncara, un nome que fai referencia ao histórico discurso do político nacionalista pronunciado nesa localidade en outubro de 2005 e que serviu de base para unha nova corrente política que acabou co denominado Novo proxecto común e á súa saída do BNG.

Case 13 anos despois daquel discurso, que tivo lugar cando recollía o Premio Ramón Piñeiro Facer País, Beiras, que deixou a primeira liña da dirección política, presidirá esta entidade que, como el mesmo explicará na súa presentación, servirá tamén para analizar o momento político actual, no que "se recortan dereitos e o Réxime do 78 avanza no seu xiro autoritario e represivo".

No acto, David Fernández fará unha lectura desde a posición da esquerda independentista catalá sobre o momento actual que vive nestes momentos Cataluña, coa aplicación do artigo 155, e do momento que vive o proceso soberanista despois do 1 de outubro e das eleccións do 21 de decembro.

UNIDADE POPULAR. "¿Quén son eu en realidade? ¿E que son ou levo sido? -¿Quen son eu en realidade? ¿E que son ou fun?-", comezaba aquel discurso que dá lugar agora a este laboratorio de ideas, que empeza a andar nun momento no que a unidade popular en Galicia, que el mesmo impulsou e levouno a presentarse de novo a unhas eleccións autonómicas (con Alternativa Galega de Esquerda en 2012), volve estar baixo a lupa dunha reformulación pola crise interna de En Marea.

Beiras, que é membro da dirección do partido rupturista, mantívose á marxe da polémica interna aberta despois de que se coñecese que a deputada Paula Quinteiro se vira envolta nun incidente coa Policía Local de Santiago o 18 de marzo. Con todo, cando transcendeu a noticia manifestouse partidario de que a parlamentaria deixase o escano.

Comentarios