Desigualdade en nómina

Foto: Marcos Ferro
photo_camera Foto: Marcos Ferro

Malia as diferentes iniciativas lexislativas e sociais emprendidas nos últimos anos, a igualdade laboral e salarial en Galicia segue a estar moi lonxe. As diferenzas fanse patentes en todos os sectores.

Así, as mulleres galegas que desempeñan traballos de alta cualificación cobran, de media, case un 30% menos que un home no seu mesmo posto. Ademais, a presenza do colectivo feminino continúa sendo minoritaria nas actividades mellor remuneradas, á vez que se perpetuan outros traballos "feminizados" nos que a miúdo se mesturan actividades domésticas coas laborais.

Un dos obxectivos básicos da Lei de Traballo en Igualdade, aprobada recentemente polo Parlamento galego, é inverter unha tendencia case crónica no mercado sociolaboral autonómico, con actividades practicamente vedadas para as mulleres, mentres que son maioría en ocupacións con baixos salarios e, nalgúns casos, dentro da economía somerxida.

Discriminación xeneralizada
Os datos do Instituto Nacional de Estatística e da Consellería de Traballo ratifican esta situación. O salario bruto anual dun home nunha profesión que requira titulación universitaria superior -enxeñeiros, químicos, avogados, economistas, profesores...- ascende a unha media de case 33.000 euros anuais. No caso das mulleres, é de 23.500 euros, case un 30% menos.

Sucede algo parecido coas profesións asociadas a titulacións universitarias de primeiro ciclo, como  peritos, profesores de Primaria ou traballadores sociais. Os homes galegos que traballan nestes ámbitos cobran, segundo o INE, unha media de 26.000 euros, fronte aos 19.000 euros brutos das mulleres, un 27,5% menos.

Pero os casos máis graves desta discriminación salarial prodúcese nas profesións peor remuneradas, precisamente aquelas onde as mulleres galegas contan cun maior índice de ocupación. Como exemplo, unha muller empregada en actividades de servizos como empregadas do fogar, tarefas de limpeza ou de vixilancia, percibe de media un salario anual de 8.500 euros. Un home gaña 13.500 euros, un 40% máis.

Ademais, os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) correspondentes ao primeiro trimestre de 2007 reforzan esta tendencia. Preto de 52.400 mulleres galegas traballan en actividades do fogar, e só 9.900 o fan en empregos relacionados coa construción, fronte aos 131.200 homes ocupados neste sector.

Nova lei
Entre as novidades da Lei do Traballo en igualdade texto normativo, prevese a posta en marcha dunha 'Unidade administrativa de Igualdade', que terá como función asesorar ás empresas en materia de xénero. Tamén se proxecta a creación dunha Marca Galega de Excelencia en Igualdade, que recoñecerá a aquelas compañías que presenten favorablemente un informe sobre os parámetros de igualdade existentes na súa organización.

A nova Lei do Traballo en igualdade fundaméntase, segundo explican na Consellería, na "toma de conciencia" por parte da Xunta da necesidade de corrixir a discriminación. Ademais, estas medidas compleméntanse cos obxectivos marcados no proceso de diálogo social no que participan empresarios, sindicatos e a propia Administración autonómica. Por exemplo, os acordos en materia de emprego apostan por   reducir o paro feminino a 65.500 persoas.

Estudos sindicais
Neste sentido, as centrais sindicais tamén veñen insistindo na necesidade de mellorar a calidade do emprego dentro do colectivo feminino. Diversos informes elaborados por UGT, CC.OO e CIG nos últimos anos serviron para dar a voz de alarma respecto a esta situación.

Un estudo do sindicato nacionalista mantén que máis dun terzo das mulleres empregadas en Galicia non alcanzaron o ano pasado o Salario Mínimo Interprofesional, fixado en 570 euros. Na mesma liña, Comisións Obreiras e UGT advertían que tres de cada catro mulleres en Galicia desenvolven o seu traballo no sector servizos, o que explica en parte os altos índices de temporalidade e a diferenza salarial respecto de os homes.

Comentarios