A militancia do BNG apoia a proposta de concorrer ás europeas con ERC e EH-Bildu

A proposición, debatida en asembleas locais, recibiu o apoio do 90% das bases 

Ana Pontón. BNG
photo_camera Ana Pontón. BNG

A militancia do Bloque Nacionalista Galego apoiou a proposta da dirección frontista para concorrer ás eleccións europeas do próximo mes de maio nunha candidatura conxunta con EH-Bildu e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC). 

Deste xeito, segundo recolle un comunicado emitido este xoves, as bases do BNG apoiaron "por unha ampla maioría superior ao 90%" a opción de presentarse ás europeas a través dunha coalición de carácter instrumental na que estarán representadas as "forzas soberanistas das tres nacións sen estado: Galicia, Euskadi e Cataluña". 

Logo de que a proposta da dirección da formación frontista saíse adiante nas asembleas locais, o Consello Nacional do BNG –máximo órgano de dirección– ratificará a decisión na súa reunión deste sábado. 

A alianza con forzas políticas vascas e catalás é unha aposta estratéxica para o nacionalismo galego

Así, BNG, ERC e EH-Bildu irán conxuntamente ás eleccións do próximo 26 de maio a través dunha coalición de carácter instrumental, polo que cada partido desenvolverá "a súa propia campaña, co seu programa específico e con candidatos propios en función exclusiva dos intereses de Galicia", sinala a formación que lidera Ana Pontón. 

A dirección do BNG subliña que, ao tratarse dunha cita electoral con circunscripción estatal, a candidatura conxunta dos partidos nacionalistas "representa unha garantía real de defensa do pobo galego na Eurocámara sen condicionamietos alleos". 

"A alianza con forzas políticas vascas e catalás é unha aposta estratéxica para o nacionalismo galego desde hai case un século, que vai moito máis alá da conxuntura electoral", resalta o BNG, que se presentou ás europeas de 2015 baixo a candidatura 'Os pobos deciden', na que participaban EH-Bildu, Puyalón de Cuchas, Andecha Astur, Alternativa Nacionalista Canaria (ANC) e Unidade do Pobo (UP). 

Dita candidatura obtivo case 326.500 votos –un 2,08% do total de España e e un 7,8% en Galicia–. Este resultado permitiulles facerse cunha acta de deputado que, en virtude dos acordos alcanzados entre as formacións que integraban a candidatura, rotou entre EH-Bildu e BNG. A galega Ana Miranda ocupa o euroescano desde febreiro de 2018 após substituír ao vasco Josu Juaristi, parlamentario durante máis da metade da lexislatura.

PROGRAMA. O Bloque fixa como obxectivos programáticos "a defensa de Galicia como nación, o dereito do pobo galego a decidir libremente o seu futuro e a súa soberanía política", así como "a defensa dos intereses do país, da súa capacidade produtiva, de xeración de riqueza e emprego digno na terra". 

Así mesmo, tamén establece como prioridades "combater o modelo ultraliberal da UE e defensa dos principios democráticos, da soberanía e independencia dos pobos, da paz, dos dereitos humanos e dereitos fundamentais, da igualdade, da xustiza e da cooperación entre os pobos en pé de igualdade". 

Comentarios