Miles de persoas maniféstanse en Santiago para reclamar pensións dignas

Á marcha tamén se sumaron colectivos de emigrantes retornados e os mariñeiros que traballaron en Noruega da asociación Long Hope

Manifestación de pensionistas en Santiago. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Manifestación de pensionistas en Santiago. XOÁN REY (EFE)

Miles de persoas -unhas 4.000, segundo a organización- manifestáronse este sábado en Santiago de Compostela nunha marcha convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) baixo o lema Por unhas pensións dignas e garantidas, á que tamén se sumaron colectivos de emigrantes retornados e os mariñeiros que traballaron en Noruega da asociación Long Hope.

"Queremos empregos, salarios e pensións dignas, e estas demandas pasan en primeiro lugar por reclamar a derrogación das reformas laborais e das reformas das pensións de 2011 e 2013", asegurou ao peche da manifestación o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

O líder da central nacionalista apuntou que ter unhas condicións de vida dignas pasa por unhas pensións decentes e que, canto máis se demore a aplicación destas reformas, maior será a deterioración social.

"Manifestámonos hoxe coa lexitimidade que nos dan os anos de loita e oito anos despois de que convocásemos unha folga xeral para protestar, xustamente, contra aquela reforma das pensións de 2011 aprobada pola Unión Xeral de Traballadores (UXT), Comisións Obreiras (CCOO), a patronal e o PSOE", lembrou Carril.

A maior parte dos asistentes a esta manifestación eran pensionistas e persoas de avanzada idade, ante o que o sindicalista lembrou que esta loita aféctanos a todos, tamén aos que non poderán cobrar unha pensión digna cando sexan maiores e que se trata dunha cuestión de pasado, de presente e de futuro.

Ademais de Carril, no peche da marcha interviñeron varios representantes de colectivos de emigrantes retornados de toda Galicia, que concretaron a súa proposta reclamando unha revalorización das pensións acorde ao Índice de Prezos de Consumo e a fixación dunha pensión mínima equivalente ao 60 % do salario medio.

O portavoz da asociación de ex-mariñeiros en Noruega, Alberto Paz, lembrou que el e os seus compañeiros foron ignorados e estafados por Noruega e, posteriormente, abandonados polo Estado español, que non recoñece o traballo de días, meses e anos traballando no mar, nos barcos noruegueses.

"Somos máis de 12.000 persoas que esperamos unha resolución e hoxe mobilizámonos unha vez máis para reclamar unha decisión política que permita que gocemos dunha pensión máis que merecida", concluíu Paz. 

Comentarios