Feijóo ''aún no ha defendido el gallego'' desde que es presidente

O comezo do novo ano non supuxo ningunha novidade para A Mesa pola Normalización Lingüística no tocante á súa percepción sobre a política lingüística da Xunta de Galicia. Así, o seu presidente, Carlos Callón, lamentou este luns que ''desde que Núñez Feijóo é presidente do Goberno galego, aínda non houbo a primeira medida en defensa do noso idioma''. ''Pasou o Nadal e nin o Apalpador nin Papá Noel nin os Reis Magos nos trouxeron esa boa nova de que a actual Xunta rectificase e comezase a actuar en defensa do noso idioma propio'', ironizou Callón. ''Xusto ao contrario'', continuou o voceiro da plataforma que defende a lingua galega, ''o conselleiro de Educación de Núñez Feijóo presentou novas medidas contra o galego no ensino; novamente en período vacacional, como é sempre a presentación de todas as iniciativas contra o noso idioma por parte deste executivo'', denunciou.

Callón refeiruse deste xeito á ''mal chamada'' Lei de convivencia e participación, que considerou que se presenta ''co único obxectivo de fomentar un clima social contra o galego e dar a entender que o noso idioma propio é un idioma imposto''. Callón chama ao Goberno galego a ''deixar de provocar confrontación e crear novos problemas en troca de procurar consensos e solucionar problemas, que serían as súas obrigas''.

O portavoz da Mesa cargou especialmente contra a elección da lingua no ensino, pois considera ''pura propaganda enganosa'' a idea de que ''as familias vaian decidir'', como ''menten'' Núñez Feijóo ou Jesús Vázquez. ''Á vista dos datos do actual curso en educación infantil, as súas propostas son que, na práctica, só teñas capacidade para escoller se escolles o castelán: o 40% das familias con nenos nesta etapa nas cidades pediron galego e só un exiguo 10% ten a educación neste idioma'', argumentou Callón. ''Cal é a nova pregunta que agora queren amparar legalmente desde a Xunta? Que as familias se posicionen en primaria se queren que se prohiba o galego en ciencias ou en letras? Porque era iso o que, lembremos, era a pretensión inicial de Núñez Feijóo: preguntar en primaria cal bloque de disciplinas estaría vetado ao galego. Un auténtico disparate'', valorou Callón.

''Se queren de verdade escoitar, que escoiten as familias que, con independencia da súa lingua habitual, queren que haxa unha presenza normal do galego na escola; que escoiten a todos os sindicatos, a todas as organizacións estudantís e a todas as asociacións de nais e pais que --cunha única excepción-- se opoñen  de forma unánime ás medidas da Xunta contra o noso idioma”, sinalou o portavoz da Mesa.

Callón indicou tamén que desde A Mesa ''non se descarta'' iniciar medidas legais contra a Lei de Convivencia e Participación ''unha vez que esta se aprobe'', posto que a súa pretensión é ''facer todo o posible para que a Xunta rectifique, porque a súa actitude autoritaria e galegófoba non pode traer nada bo para ninguén''.

Ademais, Callón observou que a Feijóo ''lle faría moito ben'' escoitar as palabras do novo director da Real Academia Española. José Manuel Blecua defendeu a potenciación da lingua propia no ensino e o uso oficial dos topónimos galegos coa súa forma xenuína, citando nomeadamente A Coruña. ''Parece mentira que o director da Real Academia Española amose unha sensibilidade cara á nosa cultura da que carece o actual presidente da Xunta, mais é esta a situación coa que nos encontramos'', concluíu.

Comentarios