A Mesa censura que ningunha operadora de televisión ofreza contido en galego

Á marxe da CRTVG, ningunha das dez canles temáticas se pode escoitar na lingua galega, e só 25 dos 25.000 títulos do catálogo global das operadoras recolle esa opción
Xabarín Club. ARQUIVO
photo_camera Xabarín Club. ARQUIVO

A Mesa pola Normalización Lingüística critica que ningún dos dez canles temáticos infantís e xuvenís das operadoras de televisión, á marxe da CRTVG, ofreza contido en galego. A plataforma de defensa do uso da lingua galega fixo público este xoves o Informe Xabarín, un estudo sobre a presenza do galego nas operadoras e plataformas de contidos audiovisuais.

Segundo este informe, ningún dos dez canles temáticos infantís que ofrecen de media as principais operadoras de televisión por fibra óptica ofrece contido en galego e só 25 dos máis de 25.000 títulos no catálogo global que ofrecen as operadoras recolle a opción do galego, ben en versión orixinal, dobrada ou subtitulada. Ademais, engade A Mesa nun comunicado, o informe recolle que TVE "non chega a 40 minutos diarios en galego fronte ás 119,4 horas diarias —nas súas distintas canles— en castelán".

A Mesa pola Normalización publica os resultados "deste demoledor informe" despois de reunirse cos grupos parlamentarios do PPdeG, BNG e PSdeG para presentarlles a Iniciativa Popular ao Parlamento de Galicia para instar o Goberno autonómico a adoptar as medidas necesarias para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade na televisión pública. A iniciativa tamén insta a que toda a programación televisiva, incluídas as plataformas e TVE, teñan versión en galego, orixinal, dobrada ou subtitulada.

Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, "a receptividade mostrada polos grupos parlamentarios é esperanzadora". A iniciativa Xabarín, promovida pola Mesa, pretende tamén que o Parlamento galego reclame ao Goberno central que TVE exerza como canle pública dobrando e subtitulando ao galego todos os seus contidos e que as cotas que fixará a nova Lei Xeral do Audiovisual para o castelán na dobraxe, subtitulado ou financiamento de producións audiovisuais, "sexan idénticas para o galego".

"Todos os partidos entenderon que o galego non pode quedar excluído da oferta audiovisual e que son necesarias medidas urxentes", afirma o presidente da Mesa.

Comentarios