Un menor pontevedrés, investigado por acceder ao correo dunha compañeira

Cambiou as fotografías que a vítima tiña no perfil e substituíunas por outras de carácter pornográfico, con comentarios obscenos e inxuriosos

A Garda Civil investiga penalmente a un veciño de Nigrán de 17 anos como suposto autor dun delito de descubrimento e revelación de segredos, tras acceder á conta de correo electrónico dunha compañeira de colexio sen a súa autorización. O home cambiou as fotografías que a vítima tiña no perfil e substituíunas por outras de carácter pornográfico, con comentarios obscenos e inxuriosos.

Os feitos, informan fontes do instituto armado, foron denunciados polos pais dunha moza que se decatou de que alguén cambiara as fotografías que tiña no perfil da súa conta de correo. As investigacións realizadas, que contaron en todo momento coa colaboración da dirección do colexio, determinaron que os feitos puideron suceder na aula de informática do centro.

En concreto, a Garda Civil cre que o mozo utilizou o computador que a vítima tiña asignado e atopouse coa conta do correo aberta. As dilixencias instruídas foron remitidas á Fiscalía de Menores. 

Comentarios